----

O Consello da Cultura Galega comparte stand en LIBER-Barcelona co Institut d´Estudis Cataláns e a Euskaltzaindia

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2010.- O Consello da Cultura Galega, xunto co Institut d´Estudis Catalans e a Real Academia da Lengua Vasca (Euskaltzaindia), está presente cunha escolma das súas publicacións en LIBER-2010, 28ª Feira Internacional do Libro, que se celebra ata o 1 de outubro na Fira de Barcelona.

As tres institucións culturais comparten un espazo (D-491) no que dan a coñecer algunhas mostras das súas produccións bibliográficas, mantendo unha liña de cooperación que trata de impulsar as linguas e as culturas propias en Euskadi, Cataluña, Galicia e noutras Comunidades Autónomas.

Promovido pola Federación de Gremios de Editores de España, LIBER 2010 conta co patrocinio da Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas do Ministerio de Cultura; o Instituto Español de Comercio Exterior; a Generalitat de Catalunya, o Concello de Barcelona; o Gremi d´Editors de Catalunya e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO).

LIBER permite coñecer as novidades do sector e o último en libro dixital e formatos multimedia e abre as portas a máis de setecentas editoriais de diferentes países. É a maior plataforma de negocio da industria editorial española.

Máis información en:

www.consellodacultura.org
www.iec.cat
www.euskaltzaindia.net
www.salonliber.com