Ramón Villares entrevistouse en Buenos Aires co Presidente do Centro Gallego e pronunciou unha conferencia nas xornadas dedicadas a Luís Seoane

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, entrevistouse hoxe en Buenos Aires co Presidente do Centro Galego, Carlos Vello, con quen tratou, entre outros asuntos, sobre a cooperación da centenaria entidade societaria na recuperación do legado e a memoria dos emigrantes galegos. Carlos Vello foi elixido para o cargo o pasado 29 de agosto nos primeiros comicios celebrados no Centro Gallego en dúas décadas.



Da recuperación do legado da emigración falou tamén Villares co titular do Museo da Emigración Galega e da Federación de Sociedades Galegas da Argentina, Francisco Lores. Con anterioridade o Presidente do Consello da Cultura Galega tivera ocasión de entrevistarse co Delegado da Xunta en Buenos Aires, Alejando López Dobarro.

Ramón Villares aproveitou esta viaxe a Buenos Aires para intervir nas “Jornadas Luís Seoane (1910-2010). Imágenes y palabras para un proyecto moderno”, organizadas pola Casa de la Cultura-Fondo Nacional de las Artes e a Ciudad Autónoma de Buenos Aires, coincidindo coa celebración do primeiro centenario do nacemento do polifacético artista galaico-arxentino. A súa conferencia “Proxectos de Luís Seoane para Galicia” cerrou as xornadas celebradas os días 22 e 23 de setembro.