----

O presidente do Consello da Cultura promove a cultura galega no marco da Feira do Libro de Bos Aires

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), inicia unha viaxe institucional a Bos Aires co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. Nesta ocasión encádrase no marco de actividades previstas na Feira do Libro que comeza mañá na capital arxentina. Na súa axenda está prevista a realización de conferencias, varias presentacións así como a inauguración das últimas mostras realizadas pola institución que preside.

Esta viaxe institucional sitúase nunha liña de traballo de divulgación da cultura galega no exterior e na que o CCG leva traballando nos últimos tempos. A axenda do presidente conta con máis dunha ducia de actividades entre as que destaca a presentación de catro das últimas publicacións do Consello da Cultura. Unha delas é O tempo das Mareas, que documenta con materiais inéditos a relación de María Casares con Galicia e que terá lugar na Federación de Asociacións Gallegas de Argentina (o venres 29 de abril ás 19:30 horas) coa presenza de Xesús Alonso Montero. Outra é Advento, a edición facsímile e conmemorativa do Día das Letras Galegas e que recolle unha das obras centrais da traxectoria de Manuel María, con estudo crítico de Miguel Anxo Fernán Vello. Esta publicación preséntase o 30 de abril na Sala Jorge Luis Borges do Pabellón Frers. Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras e Emigrantes galegos, transportes e remess (1830-1930) completan as presentacións de publicacións programadas nesta ocasión.

Exposicións
Na marco desta viaxe, o presidente inaugurará dúas exposicións. A primeira é Otros verbos, nuevas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936), que terá lugar o martes 26 de abril no Centro Cultural general San Martín. Alí estará tamén o neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán, e María del Carmen Porrúa. A mostra dá conta da repercusión internacional de Valle-Inclán en vida do autor completada con varios paneis que inciden na relación do escritor con América, nomeadamente con Cuba e Arxentina.

Un día despois, o día 27, no Centro Galicia inaugurarase a exposición Galicia imaxinada nas revistas da emigración. Esta mostra presta atención ao feito de que moitos dos símbolos identitarios (a bandeira, o himno….) teñen a súa orixe na emigración. E constrúe este relato a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e La Tierra Gallega, entre outras referencias como Alfar. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

Outras actividades
Ademais, o presidente do Consello da Cultura Galega ten previsto participar nunha serie de actividades encamiñadas a promover a cultura galega no marco da Feira do Libro de Bos Aires. Entre elas destaca a conferencia que terá lugar na Sala Haroldo Conti do Pabillón Amarelo o vindeiro día 26 e que leva por título “O Códice Calixtino, o Camiño de Santiago e a construción de Europa”. Ademais, o xoves 28 asistirá ao acto literario de ingreso na Academia Argentina de Letras o escritor galego-arxentino Luís González Tosar con laudatio do Académico Antonio Requeni e peche de José Luis Moure.

Acción exterior
A viaxe encádrase dentro da liña de Acción Exterior que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Área marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras, outras institucións como a London School of Economics, encontros, conferencias, exposicións ou publicacións co obxectivo de contribuír a difundir e poñer en valor a cultura galega no exterior.