NOTICIA

----

O presidente do Consello da Cultura conclúe a súa viaxe a Bos Aires na que contribuíu a apoiar a cultura galega

Conferencias, varias presentacións así como a inauguración das últimas mostras do Consello da Cultura Galega sobre Valle-Inclán ou a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración conformaron a axenda do presidente da institución, Ramón Villares, na viaxe institucional a Bos Aires. A visita encádrase no marco de actividades previstas na Feira do Libro da capital arxentina na que Santiago era cidade convidada e onde contribuíu a difundir a cultura galega. A cita conclúe hoxe coa presentación do libro homenaxe a Manuel María, Advento.

Esta viaxe institucional situouse nunha liña de traballo de divulgación da cultura galega no exterior e na que o CCG leva traballando nos últimos tempos. A axenda do presidente contou con máis dunha ducia de actividades entre as que destaca a presentación de catro das últimas publicacións do Consello da Cultura. Unha delas foi O tempo das Mareas, que documenta con materiais inéditos a relación de María Casares con Galicia e que se celebrou na Federación de Asociacións Gallegas de Argentina coa presenza de Xesús Alonso Montero. A última cita, que pecha hoxe a viaxe é Advento, a edición facsímile e conmemorativa do Día das Letras Galegas e que recolle unha das obras centrais da traxectoria de Manuel María, con estudo crítico de Miguel Anxo Fernán Vello. A publicación preséntase na Sala Jorge Luis Borges do Pabellón Frers. Canda estas, Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras e Emigrantes galegos, transportes e remess (1830-1930) completaron as presentacións de publicacións programadas.


Exposicións
Na marco desta viaxe, o presidente inaugurou dúas exposicións. A primeira é Otros verbos, nuevas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936), no Centro Cultural San Martín, onde permanecerá ata mediados do mes de maio. Alí estivo o neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán, e María del Carmen Porrúa. A mostra dá conta da repercusión internacional de Valle-Inclán en vida do autor completada con varios paneis que inciden na relación do escritor con América, nomeadamente con Cuba, México e Arxentina.

No Centro Galicia inaugurarase a exposición Galicia imaxinada nas revistas da emigración. Esta mostra presta atención ao feito de que moitos dos símbolos identitarios (a bandeira, o himno….) teñen a súa orixe na emigración. E constrúe este relato a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e La Tierra Gallega, entre outras referencias como Alfar. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

Outras actividades
Ademais, o presidente do Consello da Cultura Galega participou nunha serie de actividades encamiñadas a promover a cultura galega no marco da Feira do Libro de Bos Aires. Entre elas destacou a conferencia que levaba por título “O Códice Calixtino, o Camiño de Santiago e a construción de Europa”. Ademais, tamén asistiu ao acto literario de ingreso na Academia Argentina de Letras o escritor galego-arxentino Luís González Tosar con laudatio do Académico Antonio Requeni e peche de José Luis Moure.

Acción exterior
A liña de Acción Exterior que desenvolve o Consello da Cultura Galega está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras, outras institucións como a London School of Economics, encontros, conferencias, exposicións ou publicacións co obxectivo de contribuír a difundir e poñer en valor a cultura galega no exterior.