Na asemblea da AEMI do ano 2014 celebrada en Riga (Letonia) o Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo da Emigración Galega, foi escollido organizador deste encontro que contará con representantes de museos migratorios de Bélxica, Croacia, Alemaña, Inglaterra, Finlandia, Francia, Dinamarca, República de Irlanda, Latvia, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Portugal, Polonia, España, Norte de Irlanda, San Marino, Escocia, Eslovenia, Suecia, Australia, Grecia, Estados Unidos, Canadá e Brasil. O congreso desenvolverase con dúas conferencias maxistrais dos profesores Fernando Devoto (UBA) e José Moya (Barnard College/Columbia University) e un total de 35 comunicacións repartidas en sete sesións que analizarán as novas emigracións en Europa; novas migracións globais; diásporas; identidade e relixión, patróns de comportamento colectivo; transculturalismo e hibridación; museos de emigración e, finalmente, unha sesión dedicada á actual crise europea na emigración, con especial atención á crise dos refuxiados.
A presente edición da Conferencia da AEMI será retransmitida en directo a través do web www.consellodaculturagalega.gal e as mesas de traballo quedarán gravadas na Mediateca da institución a disposición dos usuarios. A lingua de traballo será o inglés e contará con servizo de tradución para as conferencias maxistrais de Fernando Devoto e José Moya. As persoas interesadas poden anotarse a través do formulario web do evento.
A AEMI
As institucións e organizacións en Europa cuxo campo de interese común é a preocupación polas migracións europeas no pasado e no presente, únense por primeira vez para crear a Asociación de Institucións Europeas de Migración (AEMI) en Alemaña en 1991. Na actualidade é unha rede de corenta organizacións de vinte países europeos que traballan na historia das migracións. Os membros desta rede reúnense anualmente nun país membro diferente para falar dos seus proxectos e investigacións. A asociación busca proporcionar ós seus membros un foro internacional a través do cal poidan avanzar no coñecemento da migración europea, incluíndo a iniciación e seguimento de proxectos comúns de investigación, a organización de reunións, simposios internacionais e eventos multinacionais e a difusión do coñecemento proporcionado polos membros que actúan individualmente ou en conxunto.
O órgano de goberno de AEMI é a Asemblea Xeral que se reúne unha vez cada ano, organizada por unha institución de destino elixido de entre os membros presentes na Asemblea Xeral anterior.
O Arquivo da Emigración Galega
O Consello da Cultura Galega forma parte da AEMI dende o ano 2010 co fin de integrar o seu Arquivo da Emigración Galega nesta rede de traballo para establecer un diálogo cos seus homólogos internacionais e poñer de relevo o extraordinario legado da emigración galega. O Arquivo da Emigración Galega, nacido en 1992 ao abeiro da Sección de Cultura Galega no Exterior, ten entre os seus obxectivos conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial e, finalmente, difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.


