Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2007.
O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Goberno do Uruguay realizarán durante o 2008 actividades conxuntas en Compostela e en Montevideo en forma de conferencias, concertos e exposicións para salientar e reforzar a intensa e histórica relación entre as dúas colectividades. Así o acordaron o Presidente do CCG, Ramón Villares, e o Ministro de Educación e Cultura do Uruguay, Jorge Brovetto, no curso dunha entrevista, de 45 minutos de duración, celebrada na tarde do venres, día 10 de agosto, na capital uruguaya.
Santiago de Compostela acollerá unha serie de conferencias ilustrativas da conexión entre Galicia e Uruguay, que ten no seu legado exemplos como a revista “Alfar” ou as actividades do empresario galeguista Jesús Canabal ou os irmáns Eduardo e Rafael Dieste.
Pola súa parte, Montevideo recibirá exposicións como “O sorriso de Daniel”, unha visualización da historia e das expectativas de futuro de Galicia, que xa puido contemplarse en Salvador de Bahía ou Sao Paulo (Brasil), e “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, que este mesmo ano iniciará a súa itinerancia en Buenos Aires.
O ministro uruguayo interesouse tamén polas actividades do CCG e polas súas funcións como organismo asesor e consultivo.
Na entrevista o Presidente do CCG estivo acompañado por Carlos Zubillaga, profesor da Facultade de Humanidades da República e director do Centro de Estudios Galegos de Montevideo.
Ramón Villares participou os días 9 e 10 de agosto en Montevideo nun congreso sobre “A Cultura galega”, no que impartiu unha conferencia sobre “Os procesos estatutarios de Galicia”. Desde alí viaxou a Buenos Aires, onde os días 14, 15 e 16 de agosto, intervirá nas xornadas “Inmigración, pasado e presente”, organizadas pola Academia da Historia bonaerense e nas que colaboran o Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e a Fundación “Xeito Novo”, da capital arxentina.
O CCG prepara un programa especial de actividades para conmemorar ao longo de 2008 os 25 anos da súa creación (lei 8/1983 de 8 de xullo do Parlamento de Galicia).

