Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2007.
O Presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, entrevistarase o día 10 de agosto en Montevideo co Ministro de Educación e Cultura do Uruguay, Jorge Brovetto.
Na reunión Ramón Villares dará a coñecer ao ministro as actividades da institución que preside e falará das posibilidades de intercambio e cooperación en materia cultural entre Galicia e Uruguay.
Ramón Villares viaxou a Uruguay para participar os días 9 e 10 de agosto nun congreso sobre “A Cultura galega”, no que impartirá unha conferencia sobre “Os procesos estatutarios de Galicia”. Nas sesións intervirá tamén Pilar Cagiao, profesora de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.
De Montevideo o Presidente do CCG trasladarase a Buenos Aires, onde os días 14, 15 e 16 de agosto, intervirá nas xornadas “Inmigración, pasado e presente”, organizadas pola Academia da Historia bonaerense e nas que colaboran o Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e a Fundación “Xeito Novo”, da capital arxentina.
Ramón Villares coordinará a mesa de traballo sobre “Pasado e presente da colectividade galega de Buenos Aires” e disertará sobre “A Galicia do exilio porteño”, ademais de presentar a reedición do libro de Antonio Pérez Prado “Los gallegos y Buenos Aires”, xunto co autor da iniciativa, Xosé Francisco Fernández Naval, da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
Nas xornadas bonaerenses participarán asemade os profesores Xosé Manuel Núñez Seixas e Pilar Cagiao, en representación do Consello da Cultura Galega.

