----

O Consello da Cultura Galega acollerá o día 18 a sesión final do XIV Encontro de Latinoamericanistas Españoles "Iberoamérica 1810-2010"

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2010.- O XIV Encuentro de Latinoamericanistas Españoles. “Congreso Internacional 200 años de Iberoamérica (1810-2010)” concluirá o sábado día 18 cunha mesa redonda sobre “España-América Latina. Política, cultura, sociedade”, a partir das 10´30 horas na sede do Consello da Cultura Galega. Os relatores serán: Ramón Villares Paz (Presidente Consello da Cultura Galega), José Carpio Martín (Universidade Complutense de Madrid), Fernando López-Alves (Universidade de California), Elda González Martínez (Presidenta do Consejo Español de Estudios Iberoamericanos) e Pilar Cagiao Vila (Universidad de Santiago de Compostela), que actuará como moderadora.



O congreso, cita bianual do Consejo Español de Estudios Iberoamericanos (CEEIB), reuniu en Santiago de Compostela desde o pasado 15 de setembro, a máis de trescentos especialistas no campo do americanismo procedentes de 22 países e máis de cen universidades e institucións. As sesións transcorreron nas facultades de Historia e Filosofía.

 

Organizado polo Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas “Gumersindo Busto” (CIEAM) e o Departamento de Historia Contemporánea e de América, da Universidade de Santiago de Compostela, o congreso presentouse baixo o epígrafe ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias. Contou con vinte áreas temáticas e foi un espazo de reflexión e debate científico sobre o mundo iberoamericano desde os máis variados enfoques disciplinares. Os eixes dos debates foron tres momentos cronolóxicos considerados fundamentais: o tempo das independencias, os anos das primeiras conmemoracións centenarias e a actualidade.


 

Logo da derradeira sesión no Consello da Cultura Galega os congresistas trasladaranse ao salón de actos da Facultade de Filosofía, onde a partir das 16´30 horas, terá lugar a asemblea xeral do Consejo Español de Estudios Iberoamericanos (CEEIB).