Unha delegación chinesa visitou o Consello da Cultura Galega e coñeceu as súas iniciativas en materia de acción exterior e cooperación intercultural

A delegación chinesa que visita Galicia e asiste ao  seminario "Autonomías en España e China. Galicia como exemplo" visitou esta tarde o Consello da Cultura Galega, onde foi recibida polo Presidente, Ramón Villares, o Xerente, Marcelino Fernández Santiago, e Emilia García López, da Comisión de Acción Exterior.

Os doce integrantes da delegación tiveron ocasión de coñecer diferentes aspectos da realidade cultural galega e as iniciativas do Consello de Cultura en materia de acción, promoción e proxección exterior.



O Presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares deu a bvenvida aos integrantes da delegación chinesa, liderada por Huang Xing, Subdirector do Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía da Academia de Ciencias Sociais de China, e salientou a importancia que a institución concede aos proxectos de acción exterior. Tamén en materia de defensa e promoción da lingua e da cultura de Galicia pola vía da cooperación e o diálogo con outros espazos lingüísticos e culturais.

Emilia García López, da Comisión de Acción Exterior, explicou as funcións do Consello da Cultura e os novos impulsos dados á acción exterior nos últimos anos coa idea de Galicia como ponte entre as culturas española e portuguesa e á potenciación da imaxe de Galicia como marca-país. Aludiu a actividades e ciclos como os desenvolvidos na London School ou coas comunidades de emigrantes galegos en diferentes países do continente americano.

Pola súa parte, o xefe da delegación chinesa, Huang Xing, expresou o seu interese polo labor do Consello da Cultura e as súas accións no exterior, nomeadamente coas comunidades de emigrantes, e destacou o seu decidido compromiso na conservación e posta en valor do patrimonio cultural e lingüístico.

Ao encontro, celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, acudiron tamén o Director e o Secretario Xeral da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa e Néstor Valcarce, respectivamente, e Xulio Ríos, coordinador do Seminario impartido nese centro de formación, director do IGADI e membro da Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura.

O programa de intercambios China-Galicia foi impulsado polo Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía da Academia de Ciencias Sociais de china e o Instittuo Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) para promover o coñecemento mútuo en materia de autogoberno de nacionalidades minoritarias e a identificación das experiencias e ámbitos de utilidade que permitan a mellora respectiva da institucionalidade autonómica.