Editado polo Consello da Cultura Galega e escrito polo xornalista gastronómico Miguel Vila Pernas o libro é referente dun proxecto de divulgación cultural e gastronómica no que están comprometidos corenta restauradores galegos que, ás 19´40 horas, antes da presentación pública do libro, protagonizarán unha “foto de familia” na Praza de San Agustín ao abeiro da Praza de Abastos en Santiago de Compostela. Os asistentes poderán degustar logo diferentes tapas inspiradas na obra gastronómica de Cunqueiro.
Ata o momento 40 restaurantes de toda Galicia confirmaron a súa participación na campaña. O Consello da Cultura abre a iniciativa á participación doutros restaurantes interesados, ata un máximo de 50. Deberan poñerse en contacto co responsable da campaña no CCG no correo director@culturagalega.org ou no teléfono 981957219.
No acto de presentación do libro e do proxecto intervirán o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, o autor do libro, Miguel Vila Pernas, César Cunqueiro, fillo do ilustre escritor e o Chef Rivera (Padrón), en representación do colectivo de cociñeiros e restauradores.
Ao final do acto, o chef Iago Castrillón, do restaurante Acio, ofrecerá unha degustación de tapas inspiradas na gastronomía real e imaxinaria que aparece nas obras de Cunqueiro.
É a primeira vez que cociñeiros e restauradores galegos se unen nun proxecto común de divulgación gastronómico-cultural, impulsado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Manuel Gago, xornalista, profesor de xornalismo da USC e director do portal www.culturagalega.org
O libro e o proxecto procuran a divulgación da cociña cunqueiriana, de xeito que os restauradores comprometidos incluirán as receitas correspondentes nas súas cartas e agasallarán cun exemplar da obra aos clientes que pidan alomenos un prato baseado nas receitas do autor de “Merlín e familia”. A campaña nos restaurantes vencellados ao proxecto comezará o día 25 de maio.
A iniciativa forma parte do programa de actos organizado e impulsado polo Consello da Cultura Galega para conmemorar o centenario de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).



