“Podemos manter todo isto así? Claramente non”. Así de claro e rotundo foi Francisco Díaz-Fierros, coordinador da publicación que pretende dar conta do preocupante que é a situación actual. Para argumentar o seu discurso ofreceu unha serie de gráficas que apuntaban que en Galicia tamén se produce un incremento exponencial de consumo de enerxía, repoboación forestal e outra serie de recursos. Tamén indicou que o aspecto diferencial de Galicia é que estamos nalgúns casos chegando a unha saturación do consumo de recursos. Para el, estamos nunha fase de diagnóstico no que xornadas como a celebrada en Santiago, nos converten en pioneiras no conxunto do Estado.
A publicación
A publicación está estruturada en dúas partes. Na primeira ofrécese unha visión do problema global a cargo de Alejandro Cearreta, da Universidade do País Vasco, o único representante español dos 38 que compoñen o AGW; de Jorge Riechman, coñecido divulgador ambiental da Universidade Autónoma de Madrid, e dos investigadores Pablo Ramil e Luis Gómez-Orellana, da USC.
Nunha segunda parte, preséntanse os coñecementos sobre a influencia da Grande Aceleración en Galicia a partir da evolución nos últimos anos do consumo de enerxía, a repoboación forestal, urbanización, a auga acumulada nos encoros, a fertilización orgánica e os residuos urbanos. E, ademais, a repercusión que estes e outros procesos poden ter sobre a calidade biolóxica dos ríos, así como sobre as aves, réptiles e anfibios de Galicia. Son autores desta parte Xoán Doldán, Eduardo Rico Boquete, José María Tubío, Eduardo Corbelle, Francisco Ónega, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Cobo, Lourenzo Fernández Prieto, Beatriz Corbacho, María Teresa Barral, Xoán Rodríguez Silvar e Pedro Galán.
A publicación inclúe tamén algunhas gráficas que, segundo explica Díaz-Fierros, “amosan maioritariamente un proceso de crecemento exponencial que está a presentar unha saturación que nos levaría a pensar nun esgotamento dos recursos e, como consecuencia, nunha necesidade urxente de tomar medidas de conservación e regulamento”.
A Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
Esta publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón, que pon o foco en cuestións de actualidade, como é foi o problema da velutina en Galiciaou a celebración dos 150 anos da publicación por Dimitri Mendeleev da primeira táboa periódica. Ademais, a vixésimo primeira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística puxeron este ano o foco na divulgación científica en galego.
A ciencia formou parte das actividades do Consello da Cultura Galega desde o seu nacemento. Isto concretouse en fomentar xornadas arredor destas materias pero tamén na busca de proxectos e iniciativas encamiñados a conseguir unha maior divulgación científica. Entre esta liña de accións destacamos a edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, catalán e inglés). Máis recentemente, a Sección publicou a primeira tradución da teoría da relatividade de Albert Einstein en lingua galega, ou o informe “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.


