O acto de presentación do Cancioneiro contou coa intervención de varios veciños de Manzaneda e da Pobra de Trives que foron informantes do Cancioneiro: o cantor de seitura máis maior, Aquilino Pérez Prieto de Bidueira (Manzaneda) e outras cantoras como Digna Pérez (Vilanova, Trives) e María Jesús Rodríguez (Pobra de Trives). Tamén participou María Rodríguez, neta da cantora máis emblemática da seitura, Luz Divina Pérez Ricoi (Paradela, Manzaneda) que recreou co violín o cántico da seitura.
Músicas emblemáticas
Os cantos de seitura e os cantos de folións son as músicas máis emblemáticas das terras montañesas de Manzaneda e Trivas, e teñen unha longa tradición histórica na comarca das cales a referencia máis antiga aparece xa documentada en 1900. O Cancioneiro recompila trescentas destas pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio distribuídos nunha memoria usb que acompaña a publicación.
O Consello da Cultura Galega colabora con este proxecto de recuperación da memoria musical das comarcas galegas emprendido con Xosé Luís Foxo, a través da súa visibilización no Mapa Sonoro de Galicia, un proxecto dixital da institución que permite a escoita xeolocalizada destes audios e a súa consulta cruzada sobre a web (mapasonoro.consellodacultura.gal), e do que xa está accesible na aplicación o Cancioneiro antropolóxico. Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor editado previamente por Foxo.

