Cándido Pazó ofrecerá catro representacións do seu espectáculo en distintos escenarios do FESTLIP. Os días 23 e 24 no Teatro Municipal Carlos Gomes e os días 30 e 31 no Teatro Ziembinski. A proposta galega súmase deste xeito á ducia de montaxes procedentes de Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Brasil que integran unha carteleira de máis de 40 escenificacións. O Festival, destinado fundamentalmente a promover o intercambio teatral entre países de lingua portuguesa, presenta unha intensa programación que se completa con mesas de traballo e debate, unha exposición fotográfica, concertos e unha mostra gourmet.
“Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas, foi publicado en Bos Aires en 1961 e é considerado hoxe un dos libros clave da literatura galega, así como o máis editado, lido e traducido. Para conmemorar este cincuentenario, a compañía “Abrapalabra” produciu un espectáculo emotivo e divertido, que se serve da experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista cómico. Así, Pazó realiza a adaptación dramatúrxica, escribe textos complementarios, dirixe e interpreta a peza en solitario.
A montaxe presenta unha compoñente híbrida, o que leva ao seu creador a definila como “teatro contado ou conto teatralizado”. Neste sentido, en “Memoria das memorias dun neno labrego” advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral.
Goza, ademais, dun grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación -asinado por Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé" que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén as súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.
“Memoria das Memorias dun neno labrego” parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para falar das sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores pertencentes a varias xeracións. Xentes que forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade.


