Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2010.- O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron esta tarde na sede da Fundación "Barrié de la Maza", na Coruña a exposición OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963) captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto foi presidido polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a quen acompañaron José María Arias, Presidente da Fundación citada e Banco Pastor, e o Presidente do CCG, Ramón Villares,o Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro,o autor das fotografías e o director do CGAI, Guillermo Escrigas. A exposición, que máis adiante visitará outras cidades, poderá verse na Coruña ata o vindeiro 5 de setembro.
O que podemos ver é indicativo "da grande epopea da emigración galega que cubre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos", en palabras de Ramón Villares, estudioso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O Presidente do CCG chamou asemade a atenciòn sobre a relación entre emigración e fotografía, "un importante acervo docuemntal que merece ser recuperado e no que xa deu e seguirá dando pasos o noso Arquivo da Emigración Galega". Agradeceu por último a xenerosidade de Alberto >Martí e felicitouse pola cooperación interinstitucional que fixo posible a realización da mostra, "traballo entre parceiros, que trata sempre de impulsar o Consello da Cultura Galega".
José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza e Banco Pastor, significou a importancia do fenómeno migratorio na historia contemporánea de Galicia e recordou que o fundador, Pedro Barrié, falaba sempre da relevancia dos vectores formación e emigración. Agradeceu o traballo de Alberto Martí, que , pola súa parte, expresou a súa satisfacción pola configuración da exposición.
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cerrou o acto recordando que a súa presenza supoñía tamén a súa primeira visita á sede da Fundación "Barrié de la Maza" e, logo de reflexionar sobre o grande impacto do fenòmeno migratorio, afirmou que "na emigración nace o anticipo do que hoxe somos e tamén do que hoxe queremos ser". Despois percorreu detidamente a exposición, acompañado polo autor das fotografías e as autoridades ñresentes.
A IDA, A VOLTA E O "SANTA MARÍA"
"Os adeuses", comisariada por José Caruncho, estrutúrase en tres áreas: A Ida, A volta e O Buque Santa María e ofrece instantáneas da partida de centos de emigrantes galegos desde os portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque "Santa María", que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de vigo en febreiro dese mesmo ano.
Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, salienta no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: "desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeitos atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios".
O comisario da Mostra, José Carcuncho, propúxose, e conseguiu, "contar unha historia do que significou a emigración para miles de galegos, desde a ida ata, en moitos casos, o retorno á casa".
Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) agradeceu, na rolda de prensa convocada previamente para presentar a jostra, o traballo de José Caruncho e o activo compromiso do CCG e do CGAI e destacou o interese xornalístico das imaxes. "Non pensei que foran formar parte dunha exposición", asegurou logo de lembrar que no seu arquivo conta con millóns de negativos.
As 73 fotografías están recollidas nun catálogo de 150 páxinas editado polo CCG con textos, en galego, castelán e inglés, de Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro, Pilar Cagiao, María Teresa García Domínguez e José Caruncho.

