Matilde Vázquez (1905-1992), as irmás Ofelia Nieto (1900-1931) e Ángeles Ottein (1895-1981), xunto con Isaura Villaoz Pereiras, coñecida artisticamente como “Mary Isaura”, son catro coñecidas sopranos galegas. Todas elas forman parte do elenco das máis afamadas óperas e zarzuelas da época e as súas voces escoitáronse nos grandes templos da música: Madrid, Barcelona, Roma, Nápoles, Bos Aires... Dalgunhas desas actuacións consérvanse gravacións que agora ofrecemos a partir dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia.
Colección de Lousas
Nesta escolma hai rexistros de dúas pezas da óperas "Maruxa" e "Don Gil de Alcalá", así como das zarzuelas "Margaritiña", "Los flamencos" ou "El rey que rabió", entre moitas outras.
O proxecto Lousas
É unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. A iniciativa, que se fixo pública en 2019, posibilita a difusión de rexistros sonoros que van desde a primeira gravación sonora galega que se conserva, que é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904, ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; xunto con composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto…
Este fondo que agora se pon na rede chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.


