----

Fondos Inéditos

Fondos Inéditos

Contidos:

Os documentos inéditos preservados no noso arquivo abranguen materias diversas e todas dunha gran importancia cultural, histórica e etnográfica.

ARQUIVO DA PALABRA: Unha parte importantísima, non só polo número senón pola calidade e relevancia dos contidos e dos intervinientes, corresponde ás gravacións de destacados persoeiros da nosa cultura. Conferencias, charlas, actos culturais diversos, entrevistas compoñen este apartado. Pronunciadas na emigración, no exilio ou en Galicia, son un amplo abano de opinións, de erudicións, de estudos sobre a nosa personalidade diferenciada. Nesta esta heteroxeneidade temática, e para incidir na aberta perspectiva que nos ofrecen, cabe destacar o amplo período que abranguen: desde os anos cincuenta. As voces de Otero Pedrayo, Blanco Amor, R. Dieste, Ossorio Tafall, Paz Andrade, Suárez Picallo, Vilanova, Valenzuela, As gravacións inéditas do Arquivo Sonoro de Galicia superan os 10000 documentos. Estes fondos distínguense da colección de editados porque están rexistrados directamente da fonte e son exemplares únicos, non dispoñen de duplicados impresos nin publicados por medios mecánicos.

Pódese consultar parte dos fondos inéditos no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia.



Afonso D. Rodríguez Castelao. Mensaxe gravada en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941.

Nos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia consérvanse documentos en soportes de alta fraxilidade que obrigan a adoptar condicións estrictas de humidade e temperatura. A fonopostal foi un sistema empregado, especialmente na emigración, que permitía trasmitir a emoción da voz.






ETNOGRAFÍA: Polo de agora, dispóñese dun pequeno fondo etnográfico recollido polo propio arquivo no ano 1992.

ETNOMUSICOLOXÍA: O Arquivo Sonoro de Galicia dispón das gravacións orixinais (237 CD acompañados das súas transcricións) realizadas por D. Schubarth e A. Santamarina e que deron lugar ao Cancioneiro Popular Galego. Tamén se conserva a importante doazón de P. Carpintero con máis de 300 horas de gravacións.

MÚSICA: Disponse de gravacións e/ou maquetas de composicións musicais galegas non editadas que se conservan no arquivo a disposición de estudosos.

PROGRAMAS RADIOFÓNICOS: Galicia Hoxe, Sempre en Galicia, Las exquisiteces del gallego, Da terra e dos tempos son algunhas das emisións de radio que se conservan no Arquivo Sonoro de Galicia.

Procedencia:

A totalidade das gravacións inéditas son doazóns de particulares e/ou institucións. Cabe destacar as gravacións procedentes dos Centro Gallego e Centro Galicia de Bos Aires que recollen as Xornadas Patrióticas Galegas celebradas nesa cidade co gallo do Día de Galicia e onde destaca anulamente un persoeiro convidado. Á erudición hai que sumar, nestes documentos sonoros, a emotividade dos actos organizados e o seu alto contido histórico-sociolóxico.

Distintos particulares e institucións de toda Galicia teñen contribuído ao enriquecemento da colección do Arquivo Sonoro de Galicia. No apartado de DOAZÓNS, aparecen pormenorizadamente subliñados.