----

Concerto das Letras Galegas 2020

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha nova edición do seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar mañá, 30 de outubro de 2020, ás 19:30 h, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O programa deste ano recolle a innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo e no repertorio ofrecerannos un diálogo entre a música e a literatura galegas con pezas de Fernando Buide del Real, de Xan Viaño e de César Morán. Para pechar o programa asistiremos á estrea dunha nova peza, encargada a Nani García, sobre un poema de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020. Dadas as circunstancias especiais que estamos a vivir por mor da pandemia da Covid-19, nesta edición non haberá público presencial na sala mais o concerto emitirase en directo e poderase seguir desde a páxina web do CCG.