Desde o CDSG retomamos a vixésimo segunda edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que foron adiados o pasado mes de abril por mor da pandemia da Covid-19 e que agora presentamos nun novo formato virtual adaptado ás actuais circunstancias sanitarias. Tal e como avanzamos no seu día, o fío condutor desta edición será a integración lingüística das persoas migrantes como ferramenta de cohesión social.
As intervencións, gravadas con antelación, estarán accesibles na Rede o vindeiro 13 de novembro de 2020. Posteriormente, entre os días 16 e 19 de novembro terán lugar as sesións de debate que se indican no programa, que serán retransmitidas en directo a través do sitio web do CCG. Se desexas particiar nestes debates, abertos ao público sen inscrición previa, podes facelo enviando as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.