A cuarta entrega do especial “Historia de Ida e Volta” leva por título “Traballando” e está centrado en amosar os traballos desempeñados polos homes na emigración Malia a que a inmensa maioría das persoas que decidiron emigrar de Galicia cara a América procedían do mundo rural, ao chegaren aos países de destino, lonxe de instalarse no campo, acabaron aveciñándose nas emerxentes cidades, que lles ofrecían maiores posibilidades de emprego e obter beneficios económicos a curto prazo. Operarios da construción, limpadores, fogueiros nos ferrocarrís, cargadores nos peiraos, choferes ou empregados no servizo doméstico, sen esquecer aqueles que seguiron preferindo o mar como medio de subsistencia son os traballos que desempeñaron dado o seu escaso nivel de formación. O especial apunta que os emigrantes “destacaron no pequeno comercio de alimentación e na hostalaría, sendo habitual que os seus negocios familiares pasasen ás mans dos fillos ou sobriños reclamados á terra, retroalimentando deste xeito o proceso migratorio”.
Nesta ocasión amosamos algúns oficios desempeñados principalmente por homes. A muller galega tamén foi protagonista no fenómeno da emigración, realizando diversas ocupacións, ás que dedicaremos un especial monográfico máis adiante.
Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas forman parte de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanente aberto para os que queiran colaborar.
Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes tanto para poder saír do país. A segunda entrega centrouse no Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega documenta con imaxes e outros documentos que tiveron que pasar os emigrantes no momento da chegada dos galegos e galegas a América no século XX.
Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.


