O programa “Galicia e a II Guerra Mundial” artéllase a través de tres paneis. O primeiro deles titúlase “A Galicia do eixe” e nel falarase dos voluntarios galegos que formaron parte do eixe Berlín-Roma-Tokyo. O profesor da Universidade de Lisboa Antonio Muñoz Sánchez dará unha conferencia sobre os traballadores forzados e voluntarios galegos na Alemaña nazi, mentres que o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, ofrecerá outro sobre “Galicia e a División Azul”. O aspecto máis local chega da man de Antonio Giráldez Lomba, do Instituto de Estudos Vigueses, que achegará as claves da colonia alemá en Vigo nos anos da guerra.
O segundo bloque trata da economía e da propaganda durante este período. Baixo esta epígrafe o profesor da Universidade de Vigo José R. Rodríguez Lago falará da Igrexa católica e as redes norteamericanas en Galicia. Neste bloque tratarase o papel que o volframio desempeñou no noso país. Dunha banda, co relatorio de Joan-Maria Thomàs, da Universitat Rovira i Virgili. Da outra, co diálogo entre o xornalista Xesús Fraga e a directora Paula Cons arredor do documental “A batalla descoñecida”. O documental, que se pode ver previamente no web da CRTVG, servirá de fío de conexión da conversa xa que conta un episodio histórico fundamental que puido ser clave no desenlace da Segunda Guerra Mundial.
O propio martes 13, ás 18:00 horas haberá un debate en directo no que participarán Antonio Muñoz Sánchez, Antonio Giráldez Lomba, Xosé M. Núñez Seixas, José R. Rodríguez Lago e Joan-Maria Thomàs.
O mércores 14 terá lugar o terceiro panel, que aborda a relación entre Galicia e o chamado bloque dos Aliados. O coordinador da xornada e profesor da Universidade de Vigo, Luis Domínguez, tratará na súa intervención sobre Salvador de Madariaga e sobre a Unión Cultural dos Países da Europa Occidental. O historiador e expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, abordará a figura de Augusto Assía como correspondente de guerra. Emilio Grandío Seoane, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, analizará o papel que os espías británicos desenvolveron en Galicia. Pecha este panel a profesora da USC e secretaria do CCG, Dolores Vilavedra, que fará unha revisión da pegada do conflito na nosa literatura. Todos os relatores deste bloque participarán na tarde do mércores, ás 18:00 horas, no debate en directo que se emitirá desde o web da institución.
Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luis Domínguez.
L