----

A pianista e compositora Enma Pino é a última entrada do Álbum de Galicia

Foi unha pianista e compositora atípica, creativa, arriscada e innovadora. Enma Pino (Tui, 1958-Vigo, 2014) destacou por ter unha voz propia, unha paixón creativa e talento musical e un coñecemento profundo da música. A súa biografía acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia no día en que se cumpren sete anos da súa morte.

Enma Pino morreu “en plena madurez artística, con voz propia, asentada na súa paixón creativa, no seu talento musical e no coñecemento profundo da música clásica, contemporánea, popular e do jazz” asegura María Armesto, autora da súa entrada biográfica no Álbun de Galicia. A súa vocación chegoulle de nena, que xa moi temperá gabeaba polo piano tocándoo a todas horas. Malia o seu precoz interese polo instrumento, a familia decide que estude ballet. Ese tempo na danza non esvaeceu o seu amor polo piano senón que a axudou a desenvolver o seu ritmo, a súa escoita e a súa paixón pola música. Máis tarde continuaría en Vigo os seus estudos de música.



A súa adolescencia destaca que foi unha adolescente precoz, que foxe das restricións familiares e frecuenta os ambientes artísticos e vangardistas da cidade. Neles coñece a Antón Reixa, co que casa embarazada da que vai ser a súa única filla. Comeza unha vida intensa, de liberdade, creatividade e activismo. É no momento en que Reixa funda o mítico Grupo de Comunicación Poética “Rompente”, con Alberto Avendaño e Manolo Romón, no que colabora tamén Antón Patiño e Menchu Lamas. Con todos eles establece unha relación de amizade que durará sempre. Ademais, participa creativa, organizativa e activamente nas accións neodadaístas do grupo. É o tempo de contracultura artística, política e social emerxida en barrios, asembleas e cafés, no que as vangardas galegas, como as do resto do estado, cuestionan as convencións artísticas, culturais e vitais dunha sociedade mergullada, aínda, nos estertores do franquismo. Un espírito no que Enma conecta perfectamente.

Trala súa separación, deixa Galicia e instálase en Barcelona para estudar jazz no mítico Taller de Músics, onde se forma en piano, linguaxe musical, harmonía e combo. Pino convértese na única muller instrumentista matriculada. Regresa en 1985 e inicia unha sólida traxectoria profesional en diferentes ámbitos, desde a TVG, ata a dirección musical do primeiro concerto de mulleres en Galicia, pasando por numerosas colaboracións e propostas musicais.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.