Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada da investigadora Aida Fernández

Un accidente de tráfico acabou coa vida de Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947-Moaña, 2015) cando estaba nun bo momento profesional. Foi unha investigadora que destacou polo seu coñecemento na acedificación dos océanos por mor do cambio climático e a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Pesqueiras. A súa biografía acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Estudou o bacharelato elemental en Vigo e con 25 anos comezou a traballar de auxiliar de laboratorio (daquela non se precisaba máis titularidade) no Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, denominado na actualidade Instituto de Investigacións Mariñas. Compaxinou o seu traballo cos estudos, o que lle permitiu concluír o bacharelato superior, cursar a carreira de Bioloxía na Universidade de Santiago e, posteriormente, en 1992, ler a súa tese de doutoramento, dirixida por Fernando Fraga, sobre Fitoplacton de la Ría de Vigo y sus condiciones ambientales. Pouco despois entrou como investigadora, adscrita ao cadro de persoal, no Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP), centro no que desenvolveu toda a súa carreira ata acadar a categoría máxima como profesora de investigación. Desde 2006 ata 2011 foi directora do IIP, sendo a primeira muller que acadou esa responsabilidade. Dos estudos sobre o fitoplacton pasou aos de oceanografía física e, finalmente, aos relativos a acedificación do océano como consecuencia do cambio climático, nos que se converteu nunha investigadora de referencia en Europa, dirixindo un Comité Internacional da Xeosfera con eses obxectivos desde 2005 a 2011. En 2015 foi nomeada académica de número da Real Academia de Ciencias de Galicia.

O edafólogo Francisco Díaz Fierros foi o autor da súa entrada no Álbum de Galicia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.