----

A biografía da pianista e compositora Carmen Díez incorpórase ao Álbum de Galicia

Carmen Díez Martín tocaba o piano todos os día da súa vida ás sete da tarde. Un día antes de morrer, con 103 anos, visitárona unhas antigas alumnas que cando lle dixeron que eran as sete, Carmen anunciou que era a hora de tocar e volveu pechar os ollos. O piano foi a súa paixón, que lle inculcaron na súa casa e á que lle dedicou a súa vida. Alejo Amoedo asina a biografía que acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Iniciouse no piano a unha idade moi temperá, con 3 anos, e abriu unha paixón que nunca abandonaría. Formouse en Monforte, Coruña e logo se desprazaría a Madrid co catedrático de piano do conservatorio madrileño, especializado na música de cámara, Enrique Aroca Aguado.
Ao longo da súa vida ofreceu multitude de concertos como solista. No marco dunha orquestra foi dirixida por mestres como Ataúlfo Argenta ou Rafael Frühbeck de Burgos. Acompañou a violinistas como Ida Haendel, Henryk Szeryng, Marie Claude Theuveny, José Luís García Asensio e Luis Antón. Colaborou, entre outras, coas cantantes Carmencita Colina, Rosario Granados, Ángeles Chamorro, Isabel Penagos, Victoria de los Ángeles, Pilar Lorengar ou Teresa Berganza. Alejo Amoedo destaca na súa biografía a colaboración co afamado tenor Miguel Fleta, ao que acompañou ata o seu falecemento ocorrido na Coruña en 1938, e a quen lle dedicou a composición para voz e piano Un recuerdo a Miguel Fleta. Triste despertar, unha marcha fúnebre con letra de Carmen Mirat, con quen o cantante casara en segundas nupcias
Alén de intérprete foi tamén compositora, e destacou nos bailes, como o valse Baile azul dedicado á Asociación de Artistas da Coruña e interpretado, na súa estrea en 1935 no Teatro Rosalía de Castro, pola Orquestina de la Sociedad de Profesores Músicos da Coruña. No mesmo ano, e no mesmo teatro, estrea o danzón-habanera Al compás del danzón, dedicado á Asociación da Prensa e interpretado pola Orquestina Coruñesa. Compón a zarzuela en tres actos e cadro final, sobre libro de Germán C. Crespo, titulada Honor por amor e a marcha one-step Linares Rivas, dedicada ao político e dramaturgo galego. Á súa terra natal dedícalle as obras De Galicia a Navarra, Gallegada y jota, os pasodobres Viva la Coruña, Jardines coruñeses, Alegría coruñesa e a melodía galega Lonxe d’o lar queridiño.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.