----

O poeta Antón García Zapata é a última incorporación ao Álbum de Galicia

Antón García Zapata (Laxe, 1886 - Bos Aires, 1953) foi un nacionalista Galego e independentista. Viviu a maior parte do seu tempo na emigración, onde desenvolveu carreira como poeta. A súa biografía, escrita por Miro Villar, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

O estudoso Alberto Vilanova chamoulle "Poeta das sans rebeldías", na biografía que lle dedicou na sua voluminosa obra “Los gallegos en la Argentina”. Un apelativo que deu conta do seu rexo carácter e do seu corazón e espírito rebelde. Chegou á Arxentina como un emigrante máis, establecéndose na capital. Sinala Vilanova Rodríguez que traballou como empregado de comercio e tenedor de libros. Axiña empezaría a compoñer versos e a escribir artigos, con preferencia de tema galego. Comeza así unha intensa actividade cultural que o leva a participar en numerosas iniciativas, como a fundación da entidade social e cultural Club Gallego, xunto a Eduardo Blanco Amor, aínda que pouco despois vai afastarse en desacordo coa súa liña de actuación; na Asociación Benéfica y Cultural (ABC) do Partido de Corcubión; ou na Institución Cultural Gallega (ICG), protectora do Seminario de Estudos Galegos.

O levantamento fascista do 18 de xullo de 1936 altera a dinámica societaria na Arxentina e boa parte vai envorcarse na solidariedade co goberno democrático republicano. A crueza da guerra civil e, sobre todo, a represión desencadeada polos falanxistas serán decisivas para que o estro de Antón Zapata se volva máis comprometido. O seu poema «Na morte de Lexandro Bóveda» (Galicia, 27 de xuño de 1937) convértese na primeira composición en galego que evoca o asasinato do secretario de organización do PG.

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.