Antón Zapata García
Laxe (A Coruña), 26/ 2/1886 - Bos Aires, 20/6/1953Autoría: Miro Villar
Poeta de intensa actividade sociocultural na colectividade galega da Arxentina
Antón Zapata García naceu na parroquia de Santa María da Atalaia de Laxe (A Coruña) o 26 de febreiro de 1886. O seu pai era sarxento de carabineiros e a nai, María Josefa García Moreira, parente de Pondal. Na súa coñecida conferencia «Eduardo Pondal, Sentimento e Libertá da Terra Galega», lembra:
Os que o conoceron na seneitude [a Pondal] —nós, por raís consanguiña, tuvemos esa grande e impagábel sorte—....
Con estudos primarios, logo de traballar no agro e no mar, en 1903, con só 17 anos, embarca cara á Arxentina. Xa falecera a nai, feito que puido condicionar a decisión. A razón da súa marcha non está clara, é probable que os problemas do poeta e dos seus irmáns coa madrasta fosen decisivos. Antón emigra e despois seguen o mesmo camiño os irmáns.
Non se pode descartar que a motivación fose evitar a chamada a quintas. Os estudos realizados sobre as causas das correntes migratorias na época sinalan esta entre as máis importantes. Non debe ser casual que o longo poema «A crus da Rosa» relate a historia dun mozo que emigra para eludir as quintas. Ben puidera basearse na experiencia persoal, malia a advertencia inicial:
Todol-os persoaxes que figuran con nomes ou alcumes n-este poema, non alluden a ningunha persoa de reial eisistenza, eisceizón feita do gaiteiro «O FRESCO», ao que o aitor conóceu sêndo rapás.
Chegou á Arxentina como un emigrante máis, establecéndose na capital. Sinala Vilanova Rodríguez que traballou como empregado de comercio e
tenedor de libros. Axiña empezaría a compoñer versos e a escribir artigos, con preferencia de tema galego. Os primeiros dos que temos noticia son os poemas publicados en 1913 en Suevia. Revista Gallega Regionalista, cos que se inicia a súa presenza en moitas cabeceiras da colectividade galega.
A súa traxectoria poética vaise consolidando, primeiro escribe máis en castelán e axiña case monolingüe en galego. O 13 de novembro de 1920, no Teatro Colón, recibiu a Mención Honorífica dos Xogos Florais convocados pola Casa de Galicia de Bos Aires polo seu poema «Volvoretas».
No eido social participa na fundación da entidade social e cultural Club Gallego, xunto a Eduardo Blanco Amor, aínda que pouco despois vai afastarse en desacordo coa súa liña de actuación.
Desde 1928 ata 1934 traballa arreo na Asociación Benéfica y Cultural (ABC) del Partido de Corcubión, chegando a dirixir a súa revista Alborada. Este activismo posibilitará unha relación con persoeiros como Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo ou Castelao.
En 1929, unha nova do Correo de Galicia dá conta da iniciativa de Antón Zapata García, Francisco Regueira e Manuel Oliveira de crearen a Institución Cultural Gallega (ICG), protectora do Seminario de Estudios Gallegos.
Antón Zapata continuaba a ser un referente e a súa participación como poeta era requirida polas sociedades de emigrantes máis dinámicas e pola Federación de Sociedades Gallegas (FSG). Na altura, militaba na arredista Sociedade Nacionalista Pondal (SNP). En 1932 a tensión política no seo da ICG rebenta, enfrontando os dirixentes da FSG, desde o voceiro Galicia, cos membros da SNP, desde A Fouce, que malia seren na Federación a minoría discordante tiñan o control da ICG, da que en 1934 Antón Zapata foi designado presidente. O nomeamento vai coincidir nese ano coa súa defenestración na ABC de Corcubión, que o expulsa por problemas internos.
Axiña vai seguir un camiño semellante na ICG, desta volta por causas esóxenas pois o feito aconteceu en Galicia. En Ponteceso realízase unha homenaxe a Pondal no centenario do seu nacemento, na que o presidente do SEG pronunciou un discurso en castelán. Isto provoca a enérxica reacción da colectividade galega, sobre todo do arredismo da SNP, que no seu voceiro cualifica de
inxustificabrea pasividade dos galeguistas e nacionalistas que estiveran presentes. Zapata impide calquera agravio contra o presidente do SEG e o xesto abre unha dura campaña dos seus ex-compañeiros para conseguir a súa dimisión, perante os ataques presenta a renuncia.
O levantamento fascista do 18 de xullo de 1936 altera a dinámica societaria na Arxentina e boa parte vai envorcarse na solidariedade co goberno democrático republicano. A crueza da guerra civil e, sobre todo, a represión desencadeada polos falanxistas serán decisivas para que o estro de Antón Zapata se volva máis comprometido. O seu poema «Na morte de Lexandro Bóveda» (Galicia, 27 de xuño de 1937) convértese na primeira composición en galego que evoca o asasinato do secretario de organización do PG.
En 1942 concorre ao certame da Junta de Selección de la Agrupación Democrática del Espectáculo Público ou Junta de la Victoria, que premiaba o mellor himno a Stalingrado para conmemorar a defensa da cidade na invasión da Alemaña nazi. O seu poema é elixido o mellor entre numerosos participantes. Aproveitando a sona, a Irmandade Galega organízalle unha homenaxe
pol-a sua meritoria laboura como poeta e como galeguista.
Daquela tiña xa moitos problemas de saúde, que o acompañaron os anos finais da súa vida. Malia a todo, era concorrente habitual dos actos patrióticos. Salienta a súa participación, en xullo de 1944, na homenaxe a Castelao que a colectividade organiza con motivo da edición polo Centro Orensano da súa obra Sempre en Galiza.
Antón Zapata aparece nos
Membros do Consello Ourentador da Irmandadepara o bienio 1946/1947. Na relación, encabezada polos deputados Castelao, Elpidio Villaverde e Antón Alonso Ríos, figuran os nomes máis importantes da emigración e do exilio, como Núñez Búa, Manuel Puente ou Ramón Rey Baltar.
A enfermidade creba a súa saúde e, á idade de 67 anos, tras varios meses convalecente, faleceu en Bos Aires o 20 de xuño de 1953, malia que a acta de defunción indica que finou o 21. En sinalar o día anterior coinciden os xornais da diáspora.
Postumamente, en 1954 publícase o seu único libro A Roseira da Soidade, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, que se viu obrigado a refacer ao coñecer o óbito e que remata no nadal de 1953. Aos 72 poemas hai que xuntar moitos dispersos nas publicacións periódicas e compilados na nosa Tese de Doutoramento, A poesía de Antón Zapata García. Edición e estudo [2008].
Como citar: Villar, Miro : Antón Zapata García. Publicado o 12/5/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27732. Recuperado o 29/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Poema manuscrito de Antón Zapata titulado «As arelas dun trunfo», publicado en Galicia. Revista Oficial del Centro Gallego, Bos Aires, n.º 436-437 (xullo de 1949)
Fonte: Miro Villar
Poema de Antón Zapata García titulado «Herbal frorido: cantares galegos»
Fonte: Galicia. Revista do Centro Gallego, n.º 300 (1938), p. 12
Poema de Antón Zapata García titulado «O Faro»
Fonte: Galicia. Revista do Centro Gallego, n.º 309 (1938), p. 23
Artigo de Antón Zapata García titulado «A salvadora esencialidá do suicidio na altivez celta»
Fonte: A Fouce, n.º 70 (1934)
Poema de Antón Zapata García titulado «Mariñeiro Galego»
Fonte: A Fouce, n.º 26 (1931)
«A Suidade», poema de Antón Zapata García dedicado a Chuco Regueira
Fonte: Céltiga. Revista gallega de arte, crítica, literatura y actualidades, n.º 73 (1928)
Poema de Antón Zapata García titulado «A Gaita», que obtivo mención especial nun certame literario organizado polo Centro Gallego de Montevideo, 1928
Fonte: A Nosa Terra, n.º 277 (1930), p. 7-9
Partida de nacemento de Antón Zapata García, 27 de febreiro de 1886
Fonte: Miro Villar
Partida de bautismo de Antón Zapata García, 27 de febreiro de 1886
Fonte: Miro Villar
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Ramón Otero Pedrayo polo pasamento do poeta Antón Zapata García, 1953
Fonte: Otero Pedrayo, Ramón: «En la muerte de un poeta», La Noche, n.º 10108 (12 de agosto de 1953), p. 1
Poema de Eduardo Blanco Amor co título «Toda humilde beleza», do seu libro Romances Galegos (Bos Aires: Céltiga, 1928), dedicado a Antón Zapata
Fonte: A Nosa Terra, n.º 249 (1928), p. 10.
Artigos Antón Zapata García
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Antón Zapata García nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
ZAPATA GARCíA, A. (3/1916) Galiciana. Eco de Teo, El. 1ª (01), 6-7.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (7/1916) Nai dorida. Eco de Teo, El. 1ª (05), 3-4.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (10/1916) Brindis. Eco de Teo, El. 1ª (08), 9.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (1/1917) Las grutas de Lage. Eco de Teo, El. 1ª (11), 7-8.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (4/1917) A morte d'o Cisne. Eco de Teo, El. 1ª (14), 4.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (6/1917) Tríptico de Amor. Eco de Teo, El. 1ª (16), 5.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (11/1924) Primavera. Céltiga. 1ª (4), 17.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
ZAPATA GARCíA, A. (8/1935) Sarandóns. Centro Social Betanzos. 1ª, 29.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (8/1936) Ô marchar os barcos. Centro Social Betanzos. 1ª, 32.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (7/1944) Rosalía de Castro. Revista Compostela. 1ª (6-9), 22.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (12/1944) O perdón das furnas. Nosa Terra, A. (433), 12.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
ZAPATA GARCíA, A. (6/1946) Galiceibe. Nosa Terra, A. (448), 8.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;