A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, son as encargadas de inaugurar esta cita que conta coa participación de figuras destacadas na materia coma o maxistrado Fernando Lousada Arochena, experto en igualdade de xénero, escritor e profesor ou a especialista en mulleres rurais Rosa Arcos. Pola banda latinoamericana participan a ecuatoriana Luz Haro Guanga, lideresa das mulleres rurais en América Latina; a ministra da Muller do Goberno de Córdoba, Claudia Martínez; e a experta en procesos de paz en Centroamérica, Carmen Álvarez-Basso.
O coñecemento da realidade
A xornada pon o foco nunha realidade cada vez máis estudiada. No caso español, sábese que dúas de cada tres persoas que emigran ás contornas urbanas son mulleres. No caso de Galicia, o despoboamento do rural apunta á desaparición de comarcas enteiras nun prazo medio de tempo. Unha situación que, unido a unha poboación envellecida e masculinizada, está condicionada polo recorte de servizos básicos como a sanidade, a asistencia ás persoas dependentes ou a educación. Nese contexto, asegura o texto de presentación das xornadas, son as mulleres as que asumen a dobre función de atender estas necesidades, que só fan aumentar o esforzo para compatibilizar o rol tradicional de coidadoras, sen por iso deixar de traballar nas explotacións ou negocios familiares, xeralmente sen que signifique entrar no mercado laboral. A situación para as 58 millons de mulleres que viven no campo en América Latina é tamén bastante delicada. Con todo, están a agromar experiencias anovadoras para garantir dereitos e oportunidades que eviten o desarraigamento e permitan o desenvolvemento humano e do medio natural en territorios con grave risco pola crise climática e as desigualdades económicas e de xénero.



