En liña os catro códices das Cantigas de Santa María
29/6/2021
A Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial acaba de inaugurar o espazo web da súa biblioteca dixital coa publicación en liña dos dous códices das Cantigas de Santa María que custodia Patrimonio Nacional: o Códice Rico e o Códice dos músicos. Coincidindo co aniversario do nacemento de Afonso o Sabio, a comezos deste ano 2021 a Real Academia Galega solicitoulle a Patrimonio Nacional a posta ao dispor do público destes dous códices, xa que dos catro que compoñen a colección das Cantigas de Santa María, eran os que aínda non estaban accesibles en versión dixital. Os outros dous manuscritos son o Códice de Toledo, que custodia a Biblioteca Nacional de España, e o Códice de Florencia, conservado na Biblioteca Nacional Central de Florencia. Se queres saber máis sobre a pegada de Afonso X na historia e cultura galegas, preme aquí.