A súa entrada no Álbum segue unha orde baseada nas palabras de Virxinia Pereira dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e nas que, nunha carta de 1950 a Ramón Otero Pedrayo, alude á súa vida, pasión e morte. Ana Acuña explica nela que Pereira nace na Estada, no seo dunha familia acomodada, que marca da súa personalidade.
Os seus país non viron con bos ollos o noivado de Virxinia con Castelao, xa que castelao fora mozo da súa irmá Eva. Con todo, Daniel e Virxinia contraeron matrimonio na Estrada en 1912. A parella asenta en Rianxo. “Alí Castelao exerce como médico xeral e nace o seu fillo Afonso Xesús de Praga en 1914. Dous anos despois, tras Castelao abandonar a medicina a consecuencia dun desprendemento de retina, a familia trasladarase a Pontevedra” explica a biografía. A familia trasládase a Pontevedra por mor do novo traballo de Castelao e son anos de intensa actividade creativa, social e política por toda Galicia: realiza exposicións, imparte mitins e conferencias, participa en faladoiros…. Con todo, para Virxinia comezan tempos de intensa preocupación pola delicada saúde do seu único fillo, que morre en 1928.
Tralo levantamento contra a República e o inicio da guerra o matrimonio peregrina por distintos lugares (Valencia, Barcelona, Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba, París...) ata acabaren finalmente en Arxentina. Exiliados en Bos Aires, Castelao é superado pola doenza e Virxinia exerce de enfermeira e confidente ata a morte del o día 7 de xaneiro de 1950. A viuvez provoca en Virxinia Pereira unha especie de rebeldía nacida dun gran dor que se pode apreciar no seu epistolario con Otero Pedrayo e con Valentín Paz Andrade, no que inicia o traballo de difusión do legado do seu home que cumple ata a súa morte en Madrid o 23 de decembro de 1969.
Epistolario
En setembro de 2020 o Consello da Cultura Galega puxo na rede o epistolario cruzado entre Virxinia Pereira (A Estrada, 1884-Madrid, 1969) e o seu avogado Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Estaba formado por 28 cartas que intercambiaron entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao. Nelas apréciase a firmeza dunha viúva en respectar a vontade do seu home, a complexidade do proceso xudicial da herdanza de Castelao, pero tamén o compromiso político e ideolóxico dunha figura que viviu á sombra do máximo expoñente do nacionalismo.
Estas cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada.
O epistolario completábase cunha reportaxe contextualizadora de Culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG e un artigo asinado por Miguel Anxo Seixas Seoane que analiza a relación entre Virxinia e Castelao. Nel fai fincapé na complicidade entre eles e o papel que Virxinia desempeñou á morte do intelectual como “valedora da ética actitude de Castelao, que na altura (do seu pasamento) só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio”.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


