NOTICIA

----

A biografía de Jesús Bal y Gay incorpórase ao Álbum de Galicia

O profesor emérito da USC Carlos Villanueva asina esta nova entrega do Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega que inclúe a posibilidade de escoita do seu Concerto Grosso

"A renovación estética e vangardista: Galicia ollando a Europa". Así define o musicólogo e profesor emérito da USC Carlos Villanuea a Jesús Bal y Gay (Lugo, Galicia, 1905 - Torrelaguna, Madrid, España, 1993), un dos máis destacados compositores galegos do século XX, e un intelectual comprometido coa cultura galega en todas as súas expresións, participando no Seminario de Estudos Galegos, onde ingresou en 1927, ou nas revistas Ronsel ou Nós. A entrada do Álbum inclúe a posibilidade da escoita dunha peza representativa da súa obra: o Concerto Grosso, composta en 1951.

A súa participación na vida cultural tamén continuou en Madrid, onde foi responsable de eventos culturais da emblemática Residencia de Estudantes mentres estudaba na universidade. Alí coñeceu á súa muller, Rosa García Ascot, discípula de Manuel De Falla e pianista de gran prestixio dentro do Grupo de los 8, núcleo da nova vangarda madrileña. O seu prestixio levaríao a aceptar un posto como lector de literatura española na Universidade de Cambridge. Trala Guerra Civil, partiría cara Mëxico, onde traballou como xornalista, docente universitario, escritor, galerista de arte e importante dinamizador cultural. Mentres, continuaba o seu traballo compositor.

Intereses literarios

Bal y Gay destacou, ademais, polos seus sólidos intereses literarios. "Xesús Bal y Gay amosa unha ceda vocación literaria, xestada en faladoiros cos irmáns Correa Calderón, Otero Espasandín ou Alejo Madarro". Esta vocación literaria levarao a participar no lanzamento da revista Ronsel en 1924, no que apostará pola renovación do ballet galego ou a exercer a crítica musical na revista Nós.

A entrada de Jesús Bal y Gay póde consultarse na seguinte ligazón.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.