Rodulfo foi un crego baionés establecido en Vigo que compaxinou o seu traballo como organista en Santiago de Vigo e na Colexiata de Santa María da cidade olívica coa composición e a dirección, exercida sobre a orquestra Santa Cecilia e diversos coros vigueses. Esta publicación parte dun estudo previo que o autor, Javier Jurado, realizou con María Reinero sobre La Virgen de la Roca un sainete composto por Rodulfo para recadar fondos para axudar a construír o monumento homónimo que Antonio Palacios proxectou en Baiona.
A publicación
As catro cancións de Rodulfo que recolle esta publicación forman parte da tradición da canción en galego con acompañamento de piano que cultivaron autores como Montes, Baldomir, Castro «Chané» e outros. O xénero da balada galega ten a súa orixe na mélodie francesa, principalmente no que respecta ao tratamento da voz e ao acompañamento de piano, que se completa coa inclusión de elementos técnico-musicais de certa orixe popular, sen deixar de lado as referencias históricas tamén presentes na zarzuela e na ópera. Existen certos aspectos inherentes ao xénero, como a relación coa natureza e o medio rural, a presenza do folclore e a importancia da melodía como esencia do canto e da identidade. O aparente parentesco co lied xermánico é, polo tanto, unha cuestión de referencia (canción de cámara con acompañamento de piano, interese pola música característica de varios países, influencia do movemento romántico...), máis que unha relación estilística. Como ocorre con xéneros similares, o compositor opta por poetas de recoñecido prestixio e tenta reflectir temas cotiáns: emigración, romaría, natureza, traballo no campo e no mar etc.
A primeira das cancións que recupera o texto é “Coitas e bágoas”, sobre texto de Prudencio I. Sánchez, foi estreada en Baiona nun festival realizado para recadar fondos para a construción do monumento á Virxe da Rocha. A segunda é “A noite” e está baseada nun texto de «Xan de Ningures», pseudónimo do bispo de Tui Manuel Lago González, máis tarde arcebispo de Santiago. A terceira é “Saudades d’alborada”, que posúe letra de Avelino Rodríguez Elías, cronista oficial de Vigo, académico da Real Academia Galega, periodista e dramaturgo. Finalmente, “Sin niño” foi dedicada polo compositor «A mi madre», tal como suxire o poema, extraído de Follas novas de Rosalía de Castro.


