Incorpórase a biografía de Aníbal Otero ao Álbum de Galicia
22/7/2021
Aníbal Otero Álvarez (1911-1974) foi un filólogo lugués, nado na aldea de Barcia, en Ribeira de Piquín, que traballou como enquisador do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, traballo de campo polo que foi detido (e posteriormente condenado) durante o golpe de estado en España de 1936. Así mesmo, tamén nos deixou como legado numerosas contribucións lexicográficas e etimolóxicas, o seu traballo como compilador de romances e as súas creacións literarias. O perfil biográfico de Aníbal Otero, asinado polo profesor Xosé Afonso Álvarez, está xa accesible no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, xunto con outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica e recursos en liña), que conforman o que quere ser un recoñecemento á vida e obra deste lingüista lugués.