----

O CCG reúne nun volume os traballos filolóxicos de Aquilino Iglesia Alvariño

O Consello da Cultura Galega presenta a publicación «Da fonte máis fonda». Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego, autoría de Aquilino Iglesia Alvariño. A obra inclúe a versión orixinal do texto «A lengua gallega. Historia do seu vocabulario», escrito por Iglesia Alvariño para ser incluído na Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), pero que permanecía inédito ata o momento; así como outros traballos do mesmo autor sobre a norma, as ideoloxías lingüísticas e a situación xeral do idioma galego. A maiores, o volume contén tres estudos introdutorios de Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez, que axudan a contextualizar os textos na súa etapa histórica, cultural e sociolingüística.