----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ernesto Guerra da Cal

Xa podes consultar no Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, a entrada sobre Ernesto Guerra da Cal, poeta e intelectual galeguista e lusitanista que traballou, desde o seu exilio nos Estados Unidos, para internacionalizar a cultura galega. Foi o principal axente canonizador de Eça de Queirós e, como investigador nos EEUU, difundiu a obra de Pessoa nos países anglófonos e fomentou a internacionalización do neotrovadorismo galego-portugués e de Rosalía de Castro. Desde o punto de vista filolóxico, defendía para o galego un código ortográfico próximo ao portugués. O texto biográfico que presentamos, asinado por Joel R. Gômez, está acompañado doutros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste autor.