----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Elisa Patiño, primeira aviadora galega

“Elisa Patiño (Pontevedra,1890-1919), alcumada “Chichana”, é unha desas mulleres que no paso do século XIX ao XX, abrazan as ideas da modernidade e que, nas súas prácticas, se afastan das ideas decimonónicas asociadas ás mulleres e á feminidade”. Así define Eilún do Pazo Moa a quen foi a primeira aviadora galega acreditada e unha das pioneiras europeas. Hoxe incorpórase a súa entrada ao Álbum de Galicia.

Naceu e morreu en Pontevedra e tivo unha vida curta que non permitiu despregar todo o seu potencial. A nova entrada do Álbum de Galicia conta a historia dunha muller pioneira, que vivía dun xeito pouco convencional no cambio do século XIX cara ao XX. Dedicouse ao tiro con arco desde ben cativa, sorprendeu coas súas habilidades para o ciclismo pero, sobre todo, destacou pola súa faceta de aviadora. Explica Eilún do pazo na súa entrada biogra´fica que “enlazou profesionalmente o seu camiño co do afamado aviador acrobático José Piñeiro, coñecido na época como “Home paxaro” ou “Rei dos aires”. Con el aprendeu a pilotar e acompañouno en varias das súas viaxes. Na entrada conta a fazaña que ambos realizaron en 1913 cando sobrevoaron a praia de Baltar, en Portonovo.

A súa entrada vén acompañada dunha serie de artigos sobre as fazañas desta muller e os escasos recursos web que existen sobre a súa figura.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.