Francisco Fernández del Riego é a presenza constante, vizosa e dialogante en toda entidade cultural galega dende os anos 40 do pasado século. A súa entrega a prol da cultura de Galicia ‒e, por extensión, á nosa vida política‒ convérteo en figura indispensable. Esta nova entrega do proxecto Voces Centenarias ofrece tres gravacións nas que fala doutros tantos intelectuais.
O primeiro dos cortes é un fragmento dunha conferencia que del Riego ofrece o 16 de decembro de 1981 con motivo da xubilación de Carballo Calero como catedrático de Lingua e Literatura Galegas da USC. O acto foi organizado pola Asociación Cultural Medulio de Ferrol no marco dun ciclo de homenaxe ao profesor que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia no fondo Colección Afundación. Deste mesmo fondo procede outro dos fragmentos seleccionados nesta entrega e que escolma unha conferencia que del Riego ofreceu na sede de Caixa Galicia de Ferrol, na que fai un percorrido pola vida de Antón Losada Diéguez e pola Xeración Nós. Corría o ano 1985 e Antón Losada Diéguez era o homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Outro dos cortes procede do fondo do arquivo de Radio Nacional de España que está depositado no Arquivo Sonoro. É do ano 1996 e nel Fernández del Riego diserta sobre a figura de Ramón Otero Pedrayo no marco das xornadas oterianas celebradas na Facultade de Filoloxía da USC. Descríbeo como “o xeógrafo e historiador da cultura, o único que chegou a unha interpretación unitaria e coherente da nosa terra e do seu espírito”. O Ensaio histórico sobre a cultura galega, o estudo da paisaxe galega e Adrián Solovio son os tres temas nos que centra a súa disertación.
Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga e incorporou voces como as de Osorio Tafall ou Anton Tovar.


