----

A biografía da pioneira da xinecoloxía galega, Ángela Pardo Celada, chega ao Álbum de Galicia

Ángela Pardo Celada (Becerreá, 1904 - Lugo, 1988) é unha desas persoas que rompeu moitos teitos de cristal. Foi das primeiras mulleres en usar pantalóns, das primeiras en andar en bicicleta e conducir un coche, un seiscentos, e foi tamén a primeira xinecóloga e puericultura lucense. María Isabel Fernández García é a autora da entrada que se integra no Álbum de Galicia.

A esta lucense a vocación chégalle de familia, xa que seu pai era tamén xinecólogo. Con todo, Ángela Pardo Celada foi unha muller destacada que marchou a Madrid, a estudar medicina (na súa etapa de estudante estivo na Residencia de Señoritas) e tras rematar os estudos de medicina e o seu doutoramento, acadou unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos (JAE) para estudar en Hamburgo.

Isabel Fernández García asegura na súa entrada que “o seu itinerario profesional foi silenciado durante anos, e non é nomeada entre o profesionais médicos lucense malia ser a primeira muller xinecóloga e doutora en Medicina, tal como se mostra na foto con compañeiros no Hospital Provincial e mesmo na homenaxe que lle dedicaron con motivo da súa xubilación, onde segue figurando como a única muller”. Con todo, desde 1937 exerceu como xinecóloga en Lugo cunha consulta privada, que alternaría co seu traballo non remunerado na Casa da Maternidade e Expósitos de Lugo.

A entrada destaca tamén o seu carácter precursor en todos os campos, así como a súa xenerosidade ao ofrecerse como xinecóloga e puericultora de maneira gratuíta na Maternidade de Lugo e na asistencia a partos en domilicios particulares.

Alén do texto biográfico, a entrada vén acompañada dunha serie de artigos sobre a súa traxectoria, así como un vídeo de María Isabel Fernández García no que fala desta pioneira muller.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.