----

A biografía de Mili Porta, primeira directora de orquestra española, incorpórase ao Álbum de Galicia

O primeiro instrumento de Mili Porta (A Coruña, 1918-Madrid, 1971) era un piano debuxado nunha parede, que tocaba sen parar e que revelou a verdadeira vocación da coruñesa. Foi unha persoa moi activa que participou da fundación de numerosas entidades e chegou, con previo permiso do réxime, a dirixir a orquestra da cidade, converténdose na primeira muller directora de orquestra española. A súa historia entra no Álbum de Galicai cunha entrada asinada por María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

Foi unha música vocacional que destacou desde moi nova e, por libre, foi aprobando, entre 1929 e 1932, diversos cursos de solfexo, piano, acompañamento, harmonía, estética e historia da música. Foi alumna “dos compositores máis importantes do panorama español de principios e mediados do século XX: Jesús Guridi (órgano), García de Paredes (harmonía) ou Conrado del Campo (composición)” segundo afirma María del Carmen Lorenzo Vizcaíno na súa entrada.

A biografía, que se pode ler no Álbum de Galicia, destaca as dúas etapas na súa vida. Unha primeira na Coruña onde participou activamente na vida cultural e social da cidade. “Nos anos previos á Guerra Civil a súa presenza na vida musical coruñesa foi máis que habitual, desenvolvendo todo tipo de facetas musicais, como a de cantante, pianista acompañante ou cantante de coro, ata chegar a dirixir a orquestra da cidade” destaca Lorenzo Vizcaíno. A segunda, foi en Madrid a onde se traslada en 1943 co seu home, Fernando Navarrete, e os seus catro fillos. No ano da súa chegada á capital estreou unha opereta infantil titulada Malibú, los cerditos y tú no Teatro Español, con música da propia Mili e textos de Fernando Navarrete. Pronto foi nomeada profesora auxiliar interina de solfexo do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (1945) e, logo de diversas oposicións, ocupou os postos de profesora especial (1949) e finalmente catedrática (1962). Malia que viviu na capital española durante a maior parte da súa vida, mantivo sempre vínculos con Galicia.

Foi toda unha personalidade na pedagoxía musical española, membro da Sociedad Didáctico Musical e con trinta e catro anos recibiu a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio en 1952 polos méritos contraídos nos campos da educación, a ciencia, a cultura, a docencia e a investigación tanto en España como no ámbito internacional. Foi a quinta muller en obter esa condecoración e a primeira no eido da música.

Na entrada, alén da súa biografía detallada, hai vídeos que permiten ver o seu traballo, entre eles un fragmento da película Sabela de Cambados (1949) no que aparece o coro Anaquiños d'a Terra que dirixían Mili Porta e o seu home, Fernando Navarrete. Entre os audios, destaca Muiñeira do single Airiños: viejos cantares de Galicia, dirixido por ela.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.