----

O CDIF participou nas Xornadas As Mulleres, a información e os Centros da Memoria

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura galega (CCG) participou esta fin de semana nas xornadas As Mulleres, a información e os Centros da Memoria organizadas por Bamad Galicia e a Fundación Olga Gallego. No marco da cita, a técnica do CCG, Mariam Mariño, debullou a traxectoria da institución en materia de igualdade prestando especial atención no que ten que ver coa compilación de materiais que axudan a visibilizar o traballo das mulleres e as súas producións e a súa posta a disposición pública no web da institución.

O Consello da Cultura Galega creou en 2020 o CDIF como resultado de 17 anos de traballo compilando materiais de Arquivo e inserindo na institución unha liña de actuación que lle dera visibilidade as mulleres e ás súas producións. Entre os seus cometidos, destaca tamén o labor de asesoramento interno e externo.

As Mulleres, a información e os Centros da Memoria foi a primeira actividade organizada conxuntamente por Bamad Galicia e a Fundación Olga Gallego dentro do seu proxecto Memoria Documental de Galicia. Pretendían prestar atención ao enfoque feminista de arquivos, bibliotecas e museos como centros que custodian a nosa memoria e como institucións da nosa sociedade. Un cambio de enfoque permitirá non tanto a memoria das mulleres, senón colocar as mulleres no centro da memoria.