----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Agustín Magán, referente do teatro amador

Agustín Magán Blanco foi unha figura esencial no teatro afeccionado en Galicia. Foi actor, director, dramaturgo, tradutor, autor teatral, escenógrafo... e destacou polo seu labor a prol da dinamización cultural e a difusión teatral por todo o país, con especial interese en Santiago de Compostela, cidade á que estivo moi vencellado. A súa entrada no Álbum de Galicia foi elaborada por Abad de Larriva.

A nova entrada do Álbum de Galicia pon os ollos nunha figura relevante para o sector das artes escénicas como é Agustin Magán. Co seu traballo a prol do teatro galego sentou as bases para as futuras compañías profesionais e realizou un traballo de dinamización cultural e difusión teatral por toda Galicia, con especial énfase en Santiago. Na súa entrada faise especial fincapé na acción desenvolvida na Asociación de Teatro de Cámara Ditea (acrónimo de Difusión de Teatro Afeccionado) á que estivo vencellado ata o seu pasamento.

Foi actor, director, dramaturgo, tradutor, autor teatral, escenógrafo... pero sobre todo un amante do teatro galego tal e como se recolle no texto de Ana Abad de Larriva. Alén do texto biográfico, a entrada vén acompañada dunha serie de artigos sobre a súa traxectoria entre os que destaca a tese de Alejandra Juno Rodríguez Villar sobre Ditea e o vídeo que esta entidade lle dedicou en 2020, cando se cumpriron vinte anos da súa creación.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.