A entrada foi elaborada polo propio colectivo e nela fai un repaso pola súa historia. Neste tempo encargáronse da elaboración de publicacións, formación do profesorado para a detección do sexismo na escola a través de xornadas, seminarios, cursos, mesas redondas e conferencias organizadas por asociacións pedagóxicas, colectivos feministas, sindicais e ANPAS.
A entrada está acompañada de varios documentos e unidades didácticas que este colectivo elaborou. Algúns deles tan coñecidos como Coeducar xogando, unidade didáctica sobre o xogo e o xoguete elaborada na década de 1990, que partía dunha enquisa previa en educación de infantil e primaria. Presenta unha análise crítica do lugar ocupado polos xogos e os xoguetes na reprodución de roles de xénero segregados segundo sexos máis unha proposta de actividades concretas co obxectivo de contribuír a mudar as situacións discriminatorias asociadas ao sistema dos sexos.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


