----

O CCG homenaxea con música e poesía a Florencio Delgado Gurriarán

Nas vésperas da celebración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presenta as dúas iniciativas centrais do seu programa de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Unha delas é a edición facsimilar do seu Cancioneiro da loita galega, publicado en México en 1943 polo Partido Galeguista. A maiores, o facsímile que agora presenta o CCG conta cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero e cun apéndice documental de Ricardo Gurriarán. Por outra banda, tamén se celebrará este ano o tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Teatro Laura Olmo (O Barco de Valdeorras), ás 20:00 horas. O programa desta duodécima edición está deseñado como recoñecemento á persoa de Florencio Delgado Gurriarán e ao colectivo galego de exiliados en México, cunha selección representativa das súas obras. Carme Rodríguez foi nesta ocasión a encargada de compoñer a peza de nova creación, para voz e quinteto de vento, que se estreará o propio día do concerto. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.