O CDIF busca con Literarias todas abrir un espazo de reflexión a tres bandas, entre escritoras, outras axentes do espazo literario galego e público lector, co fin de pulsar a realidade da literatura feita por mulleres en Galicia e os retos que se presentan neste eido para o futuro inmediato. No cambio de século a literatura galega experimentou unha serie de mudanzas, tanto no nivel estético coma no profesional, vinculadas, en boa medida, coa chegada dun importante número de mulleres aos espazos de visibilidade. Fenómenos como a renovación estética, a diversificación das estratexias de procura de públicos, a internacionalización dos mercados e as novas formas de edición non só teñen lugar no nivel sistémico, senón que tamén poden ser analizados con perspectiva de xénero, amosando deste xeito un interesante punto de vista para a análise da posición das mulleres no campo cultural galego, que é o que se propón con este ciclo.
A primeira sesión
O ciclo arrinca cunha das cuestións adoito debatidas arredor da posición das escritoras no sistema literario: a súa relación cos procesos de visibilización e canonización. Unha realidade que se abordará en dous coloquios: o primeiro terá lugar este martes 24 de maio no que Alba Cid, Chus Lama e Olga Novo, moderadas por Dolores Vilavedra, falarán de poesía e ensaio, da presenza ou ausencia das mulleres poetas no espazo literario, do concepto de éxito e da importancia das mulleres no xénero inaugural da literatura galega.



