----

A presidenta Rosario Álvarez inicia unha viaxe institucional a Bos Aires

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inicia unha viaxe institucional na que contribúe ao fortalecemento da cultura galega no exterior. A viaxe arrinca este mércores co acto de entrega a Rosario Álvarez do título “Huésped de honra” a cargo Legislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires. Reunións con diferentes institucións e conferencias conforman a axenda que conclúe o día 21 coa inauguración da exposición Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina no Museo de Arte Español Enrique Larreta.

Este mércores a presidenta do Consello da Cultura Galega será recibida no Salón Eva Perón da Lexislatura da Cidade Autonóma de Bos Aires. Álvarez foi nomeada pola Declaración 251/2022 “Huesped de Honor de la Ciudad Autónoma” en honor á súa extensa carreira académica e ao seu labor como presidenta do CCG. A deputada Cecilia Ferreiro foi a impulsora deste recoñecemento e será recibida nun acto no que participa o ministro de Cultura, Enrique Avogadro; o Delegado da Xunta de Galicia, Alejandro Dobarro; o vicepresidente terceiro das lexislatura e Presidente da Comisión de Cultura, o deputado Roy Cortina.

Xuntanzas e conferencias
No marco desta viaxe a presidenta conta cunha completa axenda de xuntanzas cos responsables de diferentes entidades coma o Ministerio de Cultura, a Academia Arxentina de Letras, a Embaixada de España en Arxentina ou entidades académicas como o Colexio Santiago Apóstol ou a Universidade de san Martín. Ademais tamén están previstas visitas a Federación de Sociedades galega. Nelas presentará a acción exterior da institución e establecerá contactos para futuras vías de colaboración. Ademais, a presidenta visitará o Centro Galicia onde impartirá a conferencia titulada “Galicia: lingua, cultura e identidade”.

Exposición sobre Seoane
O vindeiro 21 de xullo a presidenta inaugurará a exposición “Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina”. Unha mostra coorganizada entre o CCG e o Museo de Arte Español Enrique Larreta con comisariado por Silvia Dolinko e Pablo García Martínez. A mostra afonda na traxectoria de Seoane nun diálogo entre Galicia e Arxentina, a dupla ancoraxe xeográfica e cultural do artista.

Acción Exterior
Esta viaxe encaixa dentro da liña de Acción Exterior da Institución, en desenvolvemento do programa aprobado polo Plenario da institución en 2021. Está promovido desde a Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE), que coordina Xulio Ríos e busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Este proxecto está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións programadas para desenvolver nos próximos dous anos.