----

As biografías de Consuelo Doel Traseira e María Luisa Pérez-Soba incorporadas ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia visibiliza esta semana a traxectoria de dúas mulleres destacadas nos seus ámbitos profesionais. Dunha banda, Consuelo Doel Traseira (Madrid, 1918 - Lugo, 2013) farmacéutica e intensa colaboradora en campañas de vacinación e de prevención sanitaria en Lugo; da outra, María Luisa Pérez-Soba (Burgos, 1930 - A Coruña, 2021) primeira doutora en Enxeñaría Agrónoma en Galicia. A entrada da primeira está asinada por María del Mar Montes Doel, mentres que a da segunda é autoría de María Isabel Fernández García e Esther Gómez Fórneas.

Unha foi farmacéutica, a outra Enxeñaría Agrónoma e as dúas exerceron as súas carreiras profesionais no franquismo. Con todo a traxectoria de Consuelo Doel e de María Luisa Pérez Soba transcorreron de xeito independente.

Consuelo Doel
Filla de Manuel Doel Pallín, axudante de obras públicas, e de Consuelo Traseira, dedicada ao coidado da casa e da familia, Consuelo Doel Traseira accedeu á Universidade nunha época na que o papel da muller se relegaba exclusivamente á crianza dos fillos e ás tarefas domésticas. Ao talante aperturista dos seus pais, que querían tanto para ela como para a súa irmá un estilo de vida diferente, hai que unir o apoio incondicional que tivo do seu compañeiro, Antolín Montes Silvosa, “unha persoa que non lle puxo límites á hora de exercer a súa profesión e que alentou as súas ansias de formación e coñecemento”, como destaca María del Mar Montes Doel na entrada que asina no Álbum de Galicia.

Consuelo Doel titulouse en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela en 1945. Dous anos máis tarde, ingresou por oposición no Corpo de Inspectores Farmacéuticos Municipais. Entre 1948 e 1956 exerceu como farmacéutica titular no concello de Pedrafita do Cebreiro e despachou, ata agosto de 1969, as receitas da Beneficencia Municipal. Posteriormente, foi farmacéutica da Beneficencia Provincial no Hospital Provincial de San Xosé e, trala morte da súa irmá, pasou a rexentar a Farmacia Doel en Lugo ata o seu traspaso.
Durante a súa traxectoria profesional, colaborou en campañas de vacinación e de prevención sanitaria con outras compañeiras farmacéuticas lucenses. Cando xa non estaba en exercicio, continuou alimentando a súa curiosidade científica e actualizándose profesionalmente ata o final dos seus días.

María Luisa Pérez-Soba
Era filla do comandante do exército español Antonio Pérez-Soba e de María Luisa Baró Morón, que tiña o título de mestra e cuxo exemplo alentaría a paixón da pequena “Marisina” polos estudos. Porén, foi o contacto que tivo dende nena co agro galego e a figura do seu avó materno, o enxeñeiro de montes Fernando Baró Zorrilla, os que influirían na súa vocación agronómica.

María Luisa Pérez-Soba obtivo o título de Enxeñeira Agrónoma en 1960 na Escuela Especial de Ingenieros Agrónomos de Madrid e, por Orde ministerial do 15 de xullo de 1963, acadou o título de Doutora Enxeñeira. Deste xeito, converteuse na primeira enxeñeira agrónoma galega e na primeira en lograr o título de doutora nesta especialidade en Galicia. Así mesmo, foi a quinta enxeñeira en España en titularse na Escuela de Ingenieros Agrónomos de Madrid. “Na súa promoción, a número 99, só se licenciaron dúas mulleres entre sesenta e oito alumnos”, como salientan as autoras da súa biografía no Álbum de Galicia, María Isabel Fernández García e Esther Gómez Fórneas.
Durante a súa vida laboral, María Luisa Pérez-Soba traballou en Industrias e Comercialización Agraria (ICA) na oficina da Delegación da Consellaría de Agricultura da Coruña, onde chegou a ocupar o cargo de xefa provincial. Posteriormente, foi delegada provincial en funcións de Industrias e Comercialización Agraria da Consellería de Agricultura da Xunta. Ademais, participou na creación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e, en 1962, converteuse na primeira secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos da Coruña, un cargo que desempeñou ata decembro de 1976.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 634 entradas e as máis recentes son as de Cristina Reges, María Luisa Viqueira, Marcial del Adalid e Pucho Boedo.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora arredor de cada unha das figuras.