NOTICIA

----

Diferentes creadores abordarán o papel das artes na normalización da lingua

Xosé Antonio Touriñán, Guadi Galego, Alba Cid ou Quico Cadaval, entre moitos outros creadores coñecidos, debaten este xoves no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre o poder das artes como unha ferramenta importante para a normalización do idioma. Esta xornada forma parte do programa dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, titulados “Arte e lingua como ferramentas de construción masiva” e organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do CCG coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha cita de referencia no debate, reflexión e análise da situación presente e futura da lingua galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurarán esta cita, que se pode seguir en directo polo web e as redes sociais do CCG.

A traxectoria anterior dos Encontros para a Normalización Lingüística permítenos chegar á edición número 24 sabendo que o porvir da lingua non se garante só coa actividade e dedicación de sectores concretos como a escola ou a familia. “A transmisión xeracional e a continuidade da lingua só estarán garantidas se se divulga tamén nos contextos que rodean a rapazada nos seus procesos de adquisición e desenvolvemento lingüístico, e iso implica a participación de toda a sociedade”, aseguraban as conclusións da última edición. Por iso, os Encontros deste ano centran o debate na arte e na lingua como ferramentas de construción masiva. Para facelo, xuntan no mesmo día recoñecidos creadores de ámbitos como a danza, a música, o teatro, o humor, o circo e a artesanía co fin de tratar a relación entre cultura e lingua.

O programa
A sesión deste xoves componse de catro palestras. A primeira titúlase PALESTRA ARTE-LLANDO (TEATRO, MÚSICA E DANZA) e nela falarase da arte como construtora da nación. Así, recoñecidas figuras como Quico Cadaval, Guadi Galego e Montse Rivera, baixo a moderación de Manuel Maseda, analizarán a situación das artes en Galicia e a súa potencialidade para crear identidade empregando a nosa lingua.

A segunda é a PALESTRA ARTE-FACTO (CÓMIC, ILUSTRACIÓN E MURALISMO). Anxos Sobriño será a encargada de moderar un debate que abordará a colaboración entre disciplinas artísticas para lograr un maior impacto e analizará as vías de cooperación e coordinación para que a nosa arte e lingua teñan unha maior presenza social. Kiko da Silva, Laura Romero e Yoseba Muruzábal son os creadores que tratarán estes asuntos.

Pola tarde terá lugar a terceira das palestras, titulada PALESTRA ANIM-ARTE (HUMOR, CIRCO E ARTESANÍA). Nela, Xosé Antonio Touriñán, Natalia Outeiro "Pajarito" e Elena Ferro, baixo a moderación de Bernardo Penabade, falarán do benestar emocional, a arte e a lingua e analizarán a idea do poder curativo da arte, tanto a nivel emocional como identitario, así como a importancia do benestar emocional despois de dous anos de pandemia.

A última será a PALESTRA ARRIM-ARTE (VIDEOCREACIÓN, CINEMA E POESÍA), na que Ángeles Huerta, Adrián Canoura e Alba Cid farán un achegamento á vangarda actual e rememorarán os cen anos do manifesto Máis alá de Manuel Antonio.

Como en ocasións anteriores, o programa deste ano pon os debates á disposición da cidadanía previamente co fin de deixar a sesión presencial para o debate. En consonancia coa temática, buscouse contar con coñecidos creadores de contidos audiovisuais. Así, o divulgador Fran da Lobeira elaborou dous vídeos que se corresponden coas palestras da mañá. Pola súa banda, foi Nee Barros “Neeumatiko” quen elaborou os vídeos das palestras que se debaterán na sesión da tarde.

Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG que pon o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica en lingua galega, entre outros temas.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e a difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.
Como arquivo de planificación lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. En canto centro de documentación sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.