Nado en Ribadavia en 1943, Ernesto Chao Pino foi un dos actores pioneiros da escena galega e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual. Fundador da Agrupación Cultural Abrente (1969), participou nas pezas que desenvolveu o Grupo de Teatro Afeccionado de Abrente co fin de recadar cartos para a primeira edición das Mostras de Teatro, celebradas entre os anos 1973 e 1980. Esa paixón que sentiu polo teatro fixo que, a finais dos anos 70, se mudase a Vigo. Alí, uniuse á compañía Artello Teatro, da que foi un dos seus membros fundadores e coa que impulsou a Sala Carral. No seo deste grupo teatral, participou en numerosas montaxes como, por exemplo, a creación colectiva Tarará-chis-pum (1978), Pic-nic (1979), de Fernando Arrabal ou As nubes (1980), de Aristófanes, entre outras.
En 1984, trasládase a Santiago de Compostela para participar en Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño. A montaxe tivo lugar no Centro Dramático Galego, que acababa de crearse, e cuxa dirección ocuparía o propio Ernesto Chao nas temporadas 1986 e 1987. Despois, continuou o seu traballo como actor en numerosas obras, entre as que destacan: As tres irmás (1987), de Chejov, dirixida por Xosé Manuel Rabón; Un soño de verán (1992), de William Shakespeare e coa dirección de Eduardo Alonso, que lle valeu para alzarse cun Premio Compostela de Teatro ao Mellor Actor de Reparto, ou El embrujado, La cabeza del Bautista e Las galas del difunto, incluídas dentro do ciclo Valle-Inclán 98 (1998) e dirixidas por Eduardo Alonso, Helena Pementa e Xosé Martíns, respectivamente.
En 2001, fundou a compañía Lagarta Lagarta xunto coa súa muller, a tamén actriz e directora pioneira Rosa Álvarez. Alí, Ernesto Chao desenvolveu labores de escenografía, ademais de actuar en pezas como As últimas lúas (2007), de Furio Bordon e dirixida por Xulio Lago, coa que gañou o Premio María Casares ao Mellor Actor Protagonista en 2008.
Nesto Chao tivo tamén unha extensa carreira no eido audiovisual con diversos papeis en curtametraxes, mediametraxes, longametraxes ou documentais. Ademais, participou en series e miniseries como Pratos combinados (1995-2006), dirixida por Xosé Cermeño e Chema Fernández, e coa que acadou unha grandísima popularidade e o nomeamento como Mellor Actor Protagonista nos Premios Chano Piñeiro (2002) e nos IV Premios Mestre Mateo (2005).
“Ademais do seu compromiso co propio traballo e da súa xenerosidade, destacou tamén a súa grande implicación no impulso do sector”, afirma Ana Abad de Larriva na entrada que asina no Álbum de Galicia. Neste senso, foi o fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en 1985 e o seu presidente entre 2016 e 2017. Así mesmo, ocupou a presidencia de Escena Galega e foi cofundador e o primeiro presidente da Academia Galega do Audiovisual (2002-2003).
Entre os premios que recibiu pola súa traxectoria, a maiores dos anteriormente mencionados, recibiu o Premio de Honra Abrente na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2002), o Premio de Honra Fernando Rey nos IV Premios Mestre Mateo (2008), o Premio de Honra Pedigree do VII Festival de Cans (2010) e, de xeito póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro (2022).
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Xaime Isla Couto, Alexandre Raimúndez e Cristina Reges.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


