A presidenta iniciou a súa intervención explicando que no primeiro semestre deste ano, en cumprimento coa lei de creación da institución e da súa normativa interna, tivo lugar un proceso de renovación dos membros dos principais órganos de goberno do CCG. O plenario renovou o 20 % dos seus membros, a comisión executiva o 50 % e a presidenta recuncou no cargo para o que será o seu segundo e último mandato. Houbo tamén remuda nas Seccións que compoñen a estrutura da institución, que afectou ao 25 % dos seus membros.
Un ano de celebración
Os orzamentos do Consello da Cultura Galega para o ano 2023 medraron 233 373 euros con respecto ao presente ano. É a maior suba experimentada pola institución desde o ano 2009, en que chegou a ter 3 252 800 euros de orzamento. O CCG celebrará o vindeiro ano o 40 aniversario da institución, para o que contará cunha programación definida por unha comisión creada para a ocasión e formada por Ramón Villares, Xosé M. Núñez Seixas, Dolores Vilavedra, María Xosé Porteiro, Marcelino Fernández e Rosa Aneiros. As liñas claves desta celebración pasan por tres eixes principais: un para facer un repaso pola historia da institución en función das actividades, persoeiros ou fitos máis salientados; un segundo eixe para reflexionar sobre a institucionalización da autonomía galega e o papel da cultura e da xestión cultural dentro desa evolución, e, por último, reflexionar sobre o futuro do país a partir de sete temas centrais que permitirán abordar os grandes debates da cultura contemporánea cunha ollada feita desde Galicia. Ademais, está previsto que a efeméride conte con varios actos institucionais que conciliarán a parte festiva coa científica.
Con todo, Rosario Álvarez destacou na súa comparecencia que as actividades de celebración non solaparán a acción da institución, xa que se seguirá coa folla de ruta marcada en 2021, cando se definiron dez liñas estratéxicas. Cada ano a programación pon o foco en catro desas liñas de maneira exclusiva. En 2023 prestarase especial atención ao papel da cultura na construción da Galicia contemporánea e á internacionalización da cultura galega, con accións específicas para incrementar a presenza e coñecemento da cultura galega a nivel internacional. Ao mesmo tempo, seguirase coas liñas e accións deseñadas no marco do Plan de Acción Exterior. Ademais, haberá actividades arredor da conservación e valorización do patrimonio (material e inmaterial), do fomento da cultura científica, tecnolóxica e medioambiental. Analizarase o pensamento contemporáneo (igualdade, inclusión e sostibilidade), así como actividades relacionadas coa memoria viva (homenaxes, revitalización e difusión cultural) e a conservada (arquivo, hemeroteca, preservación de fondos), ademais dos informes que permitirán avaliar o sector cultural.
A actividade de 2022
No marco da rendición de contas, a presidenta detallou que en 2022 se programaron 81 actividades. O 32 % das actuacións foron fóra da sede institucional en Santiago de Compostela, o que supuxo un 11 % máis que en 2020, en cumprimento desa liña de descentralización que Rosario Álvarez prometeu ao inicio do seu primeiro mandato.
No apartado expositivo, o CCG estreou este ano 4 propostas novas. A máis destacada foi a realizada en colaboración co Museo Larreta de Bos Aires, que revisou a traxectoria de Luís Seoane a través da exposición Materiais Seoane / Entre Galicia e América. Outra dela é Sen Cancelas, que fai un percorrido histórico e conceptual pola historia da diversidade sexual en Galicia. Ademais, tamén se estreou a exposición A parroquia para sempre, que pon en valor un arquivo fotográfico particular que foi doado á institución polo seu autor e que encaixa cunha liña de traballo recente da institución de visibilizar fondos fotográficos. As mulleres galegas na emigración é a cuarta proposta expositiva realizada a partir de fondos procedentes do Arquivo da Emigración Galega. O CCG mantivo neste 2022 10 exposicións activas en 15 localizacións diferentes, entre as que destaca Roma, L’Aquila, Frankfurt ou Bos Aires.
A asesoría segue a ocupar un papel destacado no papel da institución. Neste ano realizáronse 28 informes de diferente tipo. O Observatorio da Cultura Galega realizou un barómetro da cultura galega, dúas conxunturas estatísticas, un informe sobre as ensinanzas de ámbito cultural e outro que pon cifras ás demandas e prácticas culturais da mocidade galega. Está previsto que de aquí a final de ano se presente un informe sobre corais en Galicia e outro arredor do valor do galego. A nivel patrimonial, a institución acometeu o informe sobre a inscrición en pedra dedicada a José Antonio Primo de Rivera na fachada oeste do Convento de San Paio de Antealtares e o traslado da placa histórica do Batallón Literario compostelán de 1808, así como dous informes máis. No apartado de asesoría emitíronse dous informes para a declaración de ben de interese cultural (zona arqueolóxica de Adro Vello, na parroquia de San Vicente do Grove, da moeda denominada Sestercio de Augusto) e actualmente está en tramitación outro sobre a cheminea da Central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez. Por último, tamén se realizaron 14 informes de impacto ambiental.
A acollida dos grupos parlamentarios
Na quenda de intervención dos grupos parlamentarios interveu en primeiro lugar Noa Díaz Varela, do Partido Socialista de Galicia (PSdG-PSOE), que destacou a acción asesora e a altura institucional do CCG. Mercedes Queixas Zas, do Bloque Nacionalista Galego (BNG), destacou o “recoñecemento e gratitude polo proxecto ao servizo do país”. Por último, Ovidio Rodeiro, do Partido Popular (PP), tivo palabras de recoñecemento para o traballo, as contribucións e os proxectos do CCG no último ano.







