Luis Casado Fernández, que pasou á historia da fotografía galega baixo o nome artístico Ksado, naceu en Ávila en 1887. Sendo mozo, trasladouse a Ourense, onde comezou a exercer como aprendiz no estudio de José Pacheco. A súa primeira fotografía tirouna con só 12 anos, segundo unha información de Jesús Rey Alvite, cando fotografou o monarca Alfonso XIII ao pé das Burgas, un traballo que posteriormente lle abriría as portas do xornal ABC.
A súa formación continuou en Ourense ata 1915 e, despois de ter feito o servizo militar, mudouse a Santiago, cidade onde inaugurou o seu propio gabinete. A partir dese momento, a traxectoria de Ksado acumulou varios fitos notables: fotografou o cardeal Martín de Herrera vestido de pontifical para que, partindo desa imaxe, Mariano Benlliure esculpise a lápida que se pode ver na catedral compostelá a día de hoxe; realizou as fotografías do Pazo de Xelmírez para un álbum co que se agasallou á infanta Isabel de Borbón, e fotografou a peregrinación xacobea do ano santo 1920 xunto con Enrique Guerra e Jaime Solá.
Ksado produciu tamén magníficos retratos (Naiciña ou O tesouro), aínda que a súa capacidade de traballo se vai “proxectando en obras que definen un país e balizan a historia da fotografía galega”, subliña Vítor Vaqueiro na entrada que asina para o Álbum de Galicia. A colección de imaxes do Pórtico da Gloria e do Pazo de Xelmírez expostas no Circo de Artesáns da Coruña en 1922 ou as Estampas Compostelanas, unha obra de carácter relixioso composta por 65 fotografías dos monumentos máis significativos da cidade e un plano da catedral, son mostra dalgúns dos traballos máis destacados do fotógrafo. Ademais, en 1936, viu a luz o proxecto Estampas de Galicia, un conxunto de 405 cromos fotográficos nos que se reflectían a monumentalidade e a paisaxe galega ou os traballos e festas tradicionais. Aproveitando eses negativos, Studios Ksado, S.L., imprimiu tamén pequenas estampas a modo de selos de correo que, ao ser adheridas aos envíos postais, contribuían a propagar a imaxe de Galicia alén das súas fronteiras.
Paralelamente, Ksado colaborou con numerosos xornais e revistas (El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, La Temporada de Mondariz ou ABC, entre moitos outros) e en proxectos culturais e turísticos; por exemplo, acompañou coas súas fotografías a Guía de Santiago de Compostela de Otero Pedrayo (1945), o volume Galicia, guía espiritual de una tierra con texto de José María Castroviejo (1960) ou os folletos Ángeles de Compostela (1940), Las catedrales gallegas (1950) e Los puertos nacionales de pesca en España (1928). Así mesmo, participou en varias exposicións en cidades de todo o mundo (Caracas, Bos Aires, Colonia, A Habana ou Montevideo, entre outras), con proxectos que sumaban entre 100 e 200 fotografías e que, no caso do Centro Galego da Habana, chegou ata as 2000 imaxes.
“No seu incansábel labor tampouco non se debe esquecer o traballo de dinamización fotográfica desenvolvido ao longo de medio século”, apunta Vítor Vaqueiro, quen destaca o seu cargo como presidente da Agrupación Fotográfica Compostelana e algúns dos actos desenvoltos por esta, como a I Exposición Nacional de Fotografía (1963) ou os Salóns Nacionais e Ibéricos de Fotografía. Anteriormente, Ksado organizara unha exposición fotográfica para afeccionados (1923) e outra de fotografía a cores, con proxeccións e conferencias (1944). No ano 1963, participou na creación dun Museo Fotográfico baseado na existencia de coleccións como, por exemplo, a do presbítero José Limia Rodríguez e na práctica real de notables fotógrafos.
Obrigado a abandonar a actividade fotográfica por mor dun cancro, Ksado faleceu finalmente en Santiago de Compostela o día 1 de febreiro de 1972.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Ernesto Chao, Xaime Isla Couto, Alexandre Raimúndez e Cristina Reges.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


