----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do médico e escritor Agustín Acevedo

Agustín Acevedo (Ribadeo, Lugo, 1806 - Las Caldas del Besaya, Cantabria, 1874) destacou polo seu labor de médico na loita contra as epidemias de tifo e cólera, así como por ser o escritor de Una temporada en el más bello de los planetas, considerada a primeira novela galega de ficción científica. A súa entrada no Álbum de Galicia é autoría de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Nado en Ribadeo, Agustín María Acevedo Rodríguez estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, acadou o título de doutor en Madrid. Da súa traxectoria como médico sobresaen dúas etapas. Na primeira, entre 1834 e 1859, destacou polo éxito que tivo na loita contra as epidemias de tifo e cólera nos concellos asturianos de Ozcos e Villaviciosa e na cidade de Oviedo, onde en 1853 fora nomeado catedrático de Historia Natural da universidade. Na segunda, que vai desde o ano 1859 ata o seu pasamento en 1874, estivo plenamente dedicado ao seu labor de médico de balneario en Arteixo e na localidade cántabra de Las Caldas de Besaya.

Agustín Acevedo publicou tamén numerosas contribucións en revistas médicas estatais de gran prestixio, como Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia e El Siglo Médico. Ademais, redactou puntualmente as correspondentes memorias anuais, entre as que destaca Memoria sobre la diastasis, premiada pola Academia de Medicina y Cirugía de Madrid. En 1870 publicou na Revista de España a obra Una temporada en el más bello de los planetas, a primeira novela galega de ficción científica e unha das primeiras deste xénero publicadas en España, como subliña Francisco Díaz-Fierros na súa entrada. Dela, Brian J. Dendle resaltou no ano 1987 a orixinalidade da proposta e o feito de que se adiantase a formas máis tardías da ciencia ficción ao empregar “unha perspectiva extraterrestre para satirizar os costumes terrestres”. Para Augusto Uribe chama a atención o relato de alta dignidade que constrúe e que converte a novela nunha das máis importantes da época.

A orixinalidade do seu pensamento científico foi igualmente eloxiada por figuras como Nieto Serrano ou Méndez Álvaro, aínda que tamén foi obxecto de críticas e debate nas revistas médicas “polo seu carácter especulativo e en exceso fantasioso”, en palabras de Díaz-Fierros. De feito, como el mesmo sinala, Agustín Acevedo era defensor “do vitalismo hipocrático” e “da especulación intelectual fronte ao experimentalismo dos positivistas”. Na loita contra as epidemias, defendeu a teoría do contaxio e o sistema preventivo que supoñían as corentenas, os confinamentos ou as fumigacións. Malia o carácter fantástico das súas teorías, na súa práctica médica empregou a farmacoloxía e os métodos de diagnóstico e análise clínica que había naquel momento, “dos que deixou boa mostra nos seus informes anuais de hidroloxía médica”, segundo conclúe Díaz-Fierros na súa biografía.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Marcos Valcárcel, Alfonso Zulueta, Fernando Blanco de Lema, Xosé Neira Vilas e Mariví Villaverde.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.