Santiago de Compostela, 7 de maio de 2010.- O Consello da Cultura Galega organizou e convocou unha das catro mesas redondas do “Encontro sobre as culturas de España e a súa relación con Europa” celebradas o 5 e o 6 de maio na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas (Bélxica). No panel participaron: Xavier Queipo, Craig Patterson, Dolores Vilavedra e Victor F. Freixanes.
O encontro, no que tomou parte o Consello da Cultura Galega a petición da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), abordou en catro sesións a proxección europea das literaturas española, galega, catalana e vasca, contando sempre cos puntos de vista de autores, historiadores, críticos e xestores culturais.
No panel “A literatura galega e Europa” foron relatores: Xavier Queipo, escritor e funcionario da Unión Europea en Burxelas; Craig Patterson, historiador e presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG); Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, e Victor F. Freixanes, director da editorial Galaxia e coordinador da Sección de Lingua, literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Todos empregaron o galego diante dun auditorio de máis de cincuenta persoas, que acolleu con interese as consideracións sobre a panorámica histórica e actual da literatura galega e a súa recoñecida vocación europeísta.
A sesión foi presentada e moderada por Antolín Sánchez Presedo, deputado do Parlamento Europeo. O encontro celebrouse no marco das actividades programadas con motivo do semestre da Presidencia Española da Unión Europea.

